8 de maio de 2012

HOLY NIGHT! NO FESTIVAL DE MÁLAGA, POLO SEU PROTAGONISTA JUAN GALIÑANES

Hoxe podo dicir coa boca ben aberta que ¡Holy Night! funciona!. Por fin puiden vela cunha chea de nenos e non tan nenos no Festival de Málaga. A verdade é que a acollida foi moi, pero que moi boa.
Como sabedes, a película estaba seleccionada na sección ANIMAZINE, que se celebraba por primeira vez no festival. Teño que dicir que a sección atópase nunha fase un tanto embrionaria e vese bastante ensombrecida polo afán, un pouco inevitable, da xente e
os medios de de cazar fotos e declaracións de famosos. Sigo pensando, con todo, que se trata dunha importante iniciativa e debe seguir adiante, xa que é unha moi boa plataforma para o cine de animación neste país. O feito que de que a animación teña o seu papel destacado nun festival de referencia como é o de Málaga é sen dúbida algo a valorar e sobre todo, para aproveitar.
Funme a Málaga uns días da estrea de Holy Night! antes para tratar de reunirme alí con Xesús Vázquez, Conselleiro de Cultura da Xunta, quen pensaba asistir ao festival e ao que a min me encantou invitar á estrea. Pero debido á folga o seu avión non saíu e el quedou en Santiago. Así, o encontro non puido ter lugar (non sei se en caso contrario sería posible), pero a cambio puiden dedicarme “full estafe”, ou case case, a ver películas, algo que non facía desde que naceu o meu fillo maior, fai algo menos de cinco anos.
Comecei cun documental, Contra o tempo, non demasiado ben rodado, pero con testemuños curiosos e divertidos de actores que por unhas razóns ou outras pasaron ao esquecemento. Prometía máis do que realmente foi, pero pasei un bo intre.
Logo asistín á estrea de Ali, de Paco R. Baños, unha moi boa película á que, para a miña sorpresa, caéronlle catro ou cinco críticas feroces das que, en serio, aínda non entendo agora a razón. A peli non ten un gran guión, pero está ben rodada, ben montada, cunha fotografía cuidadísima e moi bonita. Os actores están moi ben, destacando moi especialmente a actriz principal, Nadia de Santiago. Entre eles tamén está Verónica Forqué, que, como adoita, parece facer dela mesma e faio fenomenal. Como principal punto débil, a peli tiña un problema evidente co audio pero o balance é bo, sen dúbida. E estou seguro de que imos seguir oíndo falar deste director.
Saín do Teatro Cervantes para tomarme unha tapa rápida e meterme de novo no Teatro Cervantes. Esta vez para ver Os nenos salvaxes, de Patricia Ferreira. Non me vou a explaiar falando dela, porque desta tedes unha chea de críticas de xente que sabe facelo moito mellor que eu. Polo que a min respecta é unha moi boa película, na que está ben TODO. Gózase, ten moi bo ritmo e os actores e a dirección dos mesmos están fenomenal. O único que non me gusta é que é demasiado evidente o posicionamento do autor na historia. (Spoiler) O neno con problemas, pobre, rebelde, que parece que non ten remedio é o máis puro de corazón, o máis íntegro, o “máis mellor”. A que o ten todo na vida, cuns pais ricos e que podería ser unha nena modelo, resulta que é unha tola de atar, capaz de cometer un acto tan atroz como o de cargarse a proxenitores. E home, a cousa non será tan así, non? (Fin do spoiler)Polo demais, só dicir que é un peliculón.
O meu intento de ir ver curtos, ¡para ver sobre todo os galegos!, viuse frustrado por unha entrevista para a radio e tele locais (Onda Azul), pero si puiden gozar do sexo dos anxos no pase de prensa. Con moi bo ritmo, a película faiche sumarche ao xogo dos seus protagonistas. E cunha chea de sorrisos ben dosificados e a constante mirada de bo rolo latente no fin, déixache un pouso moi agradable ao final. Ben a realización, ben a fotografía, os actores moi monos,? En fin, hai que ir vela. (Tirando para casa, diredes. Pois claro, ¡que cona!)
Pola tarde, entrevista coa tele e despois cóctel galego, que me temo que máis dun galego perdeullo, porque non estaba demasiado ben anunciado. O caso é que me decatei pola tarde de que ía ter lugar un evento que se chamaba “Galicia en Málaga” e dixen eu: “Son galego e estou en Málaga. A esa cita non podo faltar. Ademais, seguro que teñen Albariño”. Non tiña moita sede, pero me acudín no evento (A ver se me atopades. O angular estírame un pouco, pero aínda é peor o que fai con Anxo Quintanilla).
Alí puiden coñecer a Isabel e Fernando, non os reis, senón a produtora e director, respectivamente, do Apóstolo (aburridos estarán de chistecito), majísimos ambos, por certo. Con eles estiven compartindo penas e comentando os problemas para a distribución neste país e parte do estranxeiro. A peli non a vin ata o día seguinte, que era cando se estreaba, e hei de dicir que me encantou. Está moi traballada, tanto no visual como no narrativo, a súa atmosfera lograda e os seus actores divertidos e fantasticamente interpretados fan dela unha completísima película que merece un lugar destacado na carteleira. Espero que así sexa.
Ao día seguinte era o gran día. Holy Night! enfrontábase ao gran público (que pasa? A maior parte eran pequenos, pero todos xuntos impón, eh). Comezamos cun susto, porque cando a peli comezou, os ollos estaban investidos. Explícome. Nunha peli estereoscópica o ollo dereito recibe unha información e o esquerdo recibe outra, trátase da mesma imaxe pero cunha separación que permite crear a ilusión da profundidade. Neste caso, por un erro na cabina proxección, estábaselle mandando á xente a información ao revés, polo que o seu ollo esquerdo vía o que tiña que ver o dereito e viceversa. O resultado é estraño, pode ata marear, parece que a imaxe vese dobre por momentos e loxicamente o efecto estereoscópico non funciona.
Crin que me daba algo. Saín feito unha furia a tratar de arranxalo. Os proyeccionistas non entendían por que podía estar pasando iso e a verdade é que se portaron e trataron desde o primeiro momento de solucionalo. Logo dun cambio de cablecitos e un corte duns dous segundos escasos, o problema arranxouse e todo comezou a ir como unha seda.
A reacción do público estaba sendo boa, para a miña sorpresa, pero ao ver a peli en 3d, comezaron por fin a gozar dela de verdade. A partir de aí as risas foron constantes. Eu levantaba de cando en vez a mirada para ver as expresións da xente, e vía a nenos e maiores pasándollo en grande, ríndose. A peli funcionaba. Entón relaxeime e ata eu, gocei ao vela. Puiden comprobar de novo que Anabel Alonso borda á ovella Rita, pero non só ela, claro, todos os actores estaban xenial, a dobraxe funciona, a música e as mesturas tamén. E a parte visual, que custou o seu, estaba preciosa (sinto este momento de pai baboso embelesado falando do neno).
Cando terminou, a reacción foi aínda mellor. Os pais pasaban polo meu lado felicitándome e os nenos saían comentando o que máis lles gustou. Unha par de mozos viñeron tamén a comentar o “boa que lle pareceu a película”, ían sen nenos, e destacaban a presenza de chiscadelas tamén para os adultos que facían que a peli funcionase tamén cos maiores.
En fin, que estaba eu que non cabía no cine, e iso que a sala era grande, pero ademais cando saín, pais e fillos querían que me fixese unha foto con eles e felicitábanme polo resultado. Non houbo nada que ensombreciese o resultado e aínda hoxe conservo o subidón pola sensación gratísima de ver que a peli funcionou co público.
Logo de Holy, na mesma sala proxectábase O Apóstolo, así que alí quedeime. Despois fun a tomar algo con Castañar Gómez-Rodulfo, responsable da sección Animazine, quen me contou entusiasmada que chamaran varios pais ao Festival para felicitarlles pola proxección de Holy Night!. Contoume tamén que varias nenas parouna pola rúa para dicirlle o moito que lles gustou a peli. Imos, que con tantas flores pasóulleme o tempo e o único malo é que me perdín o documentalde Pela do Álamo, Nacional VIN, ao que lle teño moitas ganas.
Xa de volta á Coruña, ao día seguinte, Olga, a miña parella, que me acompañou na viaxe, líame a primeira crítica de Holy Night! nun blog do Diario Sur, que puña a peli polas nubes.
E así termina a viaxe a Málaga. Agora, de novo á espera de que apareza por fín un distribuidor para Holy Night! e podades todos vela dunha vez estes Nadais.
Juan Galiñanes.


Para unha mellor navegación por este blog  usa o navegador GOOGLE CHROME. Descarga GOOGLE CHROME premendo AQUÍ.

Ningún comentario: