22 de ago. de 2012

ENTREVISTA A RAMON CARIDE CON MOTIVO DA SÚA NOVA PUBLICACION

"LEO AS NOTICIAS DE SUCESOS PORQUE HAI SITUACIÓNS QUE SUPERAN A FICCIÓN"
Caride reúne algúns dos seus textos "negros" máis
coñecidos nun novo volume.
Seguidor das tramas sociolóxicas de Henning Mankell e das historias negras escritas por negros como Chester Himes ou Jim Thompson, nas que os criminais ven empuxados ao delito para sobrevivir, Ramón Caride regresa ás librerías con "Sarou/ Louzós", un libro editado por Xerais no que recupera unha novela curta e doce relatos publicados durante as dúas últimas décadas, e nos que explora os alargados e múltiples tentáculos da violencia.
-Que sentiu ao volver sobre "Sarou", 15 anos despois?
-Non pretendín refacela nin criticala porque a distancia do tempo fai que sexa unha cousa xa terminada. Eu agora léoa coma se fose o libro doutra persoa. É como algo que xa non me pertence. Hoxe, coa mesma historia, quizais faría outra novela.
-Pero hai máis que "Sarou".
-"Sarou" é un dos polos, pero o libro recolle relatos anteriores e posteriores a ela. O que os unifica é a temática e a paisaxe. O que me gusta é o conxunto, porque reflicte varios xeitos distintos de narrar e porque é un xogo de contrastes e de espellos entre o despoboamento do interior de Galicia, do que procedo, e a actividade frenética das Rías Baixas, onde vivo. A violencia exprésase de xeitos distintos nos sitios pequenos que nos grandes.
-Está a literatura negra galega vivindo unha primavera?
-Os florecimientos da serie negra sempre coinciden con momentos convulsos, de crises ou de cambios. Sucedeu no paso do franquismo á democracia, e sucede agora.
-Por que?
-Parece que o empobrecimiento económico fai que nos sintamos roubados e necesitemos buscar uns culpables. Pero como na vida real non sempre é posible condenalos, a novela é como unha vinganza simbólica. Nesta época a serie negra confúndese ás veces coas crónicas de sucesos de televisión ou os xornais. Pero a literatura permite explicar unhas claves a nivel sociolóxico do que sucedeu que ás veces non se pode atopar nos medios de comunicación.
-Le os sucesos nos xornais?
-Non son moi metódico en nada, e non é que lea os sucesos todos os días, pero si que me chaman a atención porque hai situacións que superan a ficción. O que me chama a atención gárdoo e para min é como un xeito de tomar apuntes. Eses recortes de prensa son como unha base para fabular.
-En que cambiou o narcotráfico desde "Sarou" a hoxe?
-Fai quince anos o narcotráfico era unha realidade bastante evidente. Ías pola rúa e vías grandes palacios e aos toxicómanos. Hoxe está todo como máis escondido. Por outra banda, agora tamén existe un debate serio sobre a legalización, que antes era unha cousa de catro "pirados". É imposible terminar co consumo de drogas, e debería afrontarse unha legalización controlada médica e fiscal, porque a legalización a secas causaría moitísimos problemas.
ANXO MARTÍNEZ

Ningún comentario: