Os 50 traballadores realizan un peche en Cambados para esixir unha data para a venda de Alfageme
A CIG cre que o Goberno galego 'está intentando alargar o proceso' e advirte que isto pode ser 'moi perigoso'
Medio centenar de traballadoras da conserveira Alfageme realizaron na mañá deste xoves un peche no Concello de Cambados co obxectivo de reclamar á Xunta unha 'folla de ruta' na que se determine a data na que será escriturada a venda das fábricas de Vilaxoán (Vilagarcía) e Ribadumia desta empresa en concurso de acredores.
Tras a publicación este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG) dunha resolución do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) pola que se abre un prazo de quince días hábiles para a recepción de ofertas para a adxudicación destas dúas plantas e da marca Miau, a secretaria de Alimentación da CIG, Rosa Abuín, explicou que demandan ao Goberno galego unha 'resposta clara' que lles permita coñecer a data no que esta cuestión será trasladada ao Consello da Xunta e o día no que se realizará a escritura dos citados bens.
'Moito nos tememos que estean dilatando o proceso', lamentou Abuín, quen incidiu en que, ante a celebración da eleccións autonómicas o 21 de outubro, 'podería darse o caso de que a Xunta non queira resolver' un 'conflito' co que levan 'xa tres anos' antes da celebración dos comicios.
Tras manter unha reunión cos representantes sindicais e con alcaldes da comarca do Salnés, o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, anunciou o pasado 8 de agosto en Cambados que o Igape aprobara as condicións a través da que estaría disposto a traspasar os dereitos que -tras pagar os avais por un valor de aproximadamente 33 millóns de euros que o bipartito concedera á conserveira- a Xunta ten sobre as plantas de Vilaxoán e Ribadumia e sobre a marca comercial, condicións que serían trasladados ao Xulgado do Mercantil para que fosen publicadas e abrísese un prazo de presentación de ofertas.
Con todo, o xulgado ditou posteriormente unha providencia na que consideraba que correspondía ao propio Igape convocar este prazo de presentación de ofertas, algo que vén de realizar a través da publicación da citada resolución no DOG deste xoves.
A este respecto, Abuín opinou que era 'evidente' que o xulgado 'non ía publicar nada, como pretendía o conselleiro' e, por iso, considerou que o Goberno galego 'está intentando alargar o proceso', á vez que tamén advertiu que isto pode ser 'moi perigoso', posto que 'os compradores poden desaparecer'.
A representante da CIG referíase concretamente ao interese mostrado polo grupo cántabro O Consorcio para facerse coas dúas plantas de Alfageme -'a única oferta que hai'-, e apuntou que o consello de administración desta empresa 'ten un plan de explotación cuns prazos que se están esgotando', motivo polo que insistiu na necesidade de que a Consellería fixe a data na que será escriturada a venda.
PROXIMIDADE DAS ELECCIÓNS
Na resolución publicada no DOG fíxanse as condicións que deben cumprir as empresas que queiran optar a facerse coa propiedade das fábricas, e que, como xa explicara Guerra, van dirixidas a garantir a continuidade da empresa.
Entre elas figura que deben contar cunha experiencia mínima de dez anos no sector conserveiro, cun mínimo de 100 traballadores e cun volume de negocio de polo menos 20 euros. Tamén se require que, unha vez compren as fábricas, manteñan un capital social non inferior a 2 millóns de euros durante 10 anos e garantan un mínimo de 150 traballadores durante 5 anos e 100 durante unha década.
Tras a finalización do prazo de 15 días hábiles fixado para a presentación de ofertas no rexistro do Igape, abrirase un segundo prazo, que Abuín cifrou en 5 días, para a valoración das propostas e a resolución do procedemento, tras a que o Goberno galego terá que trasladar a súa decisión á administración concursal e ratificala no Consello da Xunta, segundo explicou a representante da CIG.
'Pómonos case no día 21', concluíu Abuín, quen fixo énfase no 'medo' das traballadoras 'aos tempos mortos' que se poidan producir entre un paso e outro, motivo polo cal insistiu na necesidade dunha 'folla de ruta' xa que agora 'o calendario está en mans' da Xunta.
CONCENTRACIÓNS NOS CONCELLOS
Na citada reunión co conselleiro do 8 de agosto estiveron tamén presentes os alcaldes de Vilagarcía de Arousa, Cambados, Ribadumia e O Grove. Abuín considera que 'xa que vineron á mesa a quitarse a foto', tamén 'abanderaron' coa súa participación neste encontro a súa 'implicación no conflito' de Alfageme, polo que agora a CIG trasladaralles cal é a súa 'desconfianza'.
Por iso, tras o peche deste xoves en Cambados, esta central sindical ten previsto realizar nas próximas xornadas novas concentracións no resto dos concellos citados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario