11 de xan. de 2013

LEIRO, O CAMBADÉS MAIS UNIVERSAL, EXPÓN EN NOVA YORK

Francisco Leiro volve á rúa 57. As esculturas de Francisco Leiro pódense ver desde o 9 de xaneiro na Galería Marlborough de Nova York, ata o 9 de febreiro. O escultor cambadés presenta en Nova York a súa primeira exposición individual na cidade da Gran Mazá desde o 2003.
O escultor Francisco Leiro (Cambados, 1957) inaugura exposición nunha das galerías máis importantes de Nova York, é dicir, do mundo, a sala Marlborough da rúa 57. En pleno corazón de Manhattan, a dous pasos de Central Park e da Quinta Avenida, no epicentro do mercado da arte e nunha noite de xaneiro inusualmente cálida para o que son os invernos da Gran Mazá, as vinte pezas saídas do escoplo do artista galego enfróntanse á crítica máis dura, a da cidade que nunca dorme.
Dende o 9 de xaneiro e ata o 9 de febreiro, o escultor galego Francisco Leiro (Cambados, Pontevedra 1957) expón na Galería Marlborough de Nova York, unha mostra de obra recente, que leva o título de Human Resources. Na sala están colocadas unhas vinte esculturas recentes de madeira, personaxes de gran tamaño, o que xa é unha constante neste escultor. 
«Nova York é o gran escaparate .  Eu levo 25 anos expondo aquí e cada vez que veño estou preocupado. Sempre me parece que é a primeira vez». Esta é a primeira exposición individual do escultor na cidade desde o 2003. E Leiro define o que significa enfrontarse a Nova York: «Esta cidade está sempre renovándose e o que fagas hai só catro anos case está esquecido».
Leiro preséntanos unha serie de personaxes, todos eles en movemento, como en Exposed (2011), Non (2011),Calafateador (2010), Benzene (2011), Submissive(2011) ou a ríxida Fortunata (2011). En todas as esculturas continua a súa particular investigación das posibilidades formais da figuración con absoluta liberdade, o que confire á súa obra un carácter único, aínda que con influencia das tallas. Da súa obra desprende un humanismo, un desexo de aproximarse ás vidas particulares de cada un destes personaxes, que miran, en moitos casos, ao espectador. 
Francisco Leiro formouse na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela e na Escola de Belas Artes de San Fernando, en Madrid. A súa primeira exposición tivo lugar na súa cidade natal, Cambados, en 1975. En 1983 é invitado a participar na última das exposicións do grupo Atlántica, que se propuxo como unha iniciativa de renovación das artes plásticas galegas. 
O de Cambados coñece ben a cidade porque viviu nela durante moitos anos e aínda mantén o seu estudo en Tribeca, o barrio bohemio á beira do Soho. Pero desde que deixou Nova York, fai uns dez anos, Leiro reparte o seu tempo entre Cambados e Madrid. Precisamente no seu estudo da capital é onde deu forma ás esculturas que agora poden contemplarse en Manhattan. «O núcleo da exposición son catro figuras de dous metros -explica- e todas elas son personaxes relacionados co mundo produtivo, co mundo do traballo, pero que, ao mesmo tempo, non fan nada concreto, están parados nun instante». «Mira esa figura das máscaras, está a atarse un zapato pero é coma se de súpeto descubrise algo, que todos levamos moitas máscaras distintas», sinala.
En 1985 representa a España na Bienal de Sao Paulo, Brasil. En 1988 instálase en Nova York e ao ano seguinte empeza a traballar coa galería Marlborough. A súa obra está en grandes museos contemporáneos do mundo enteiro, como no Museo Reina Sofía de Madrid.
Na inauguración, as esculturas, chegadas en barco desde Galicia mesturábanse cos invitados, entre eles os galegos Cristina Pato, Juan Padrón, Octavio Vázquez, Miguel Saco, Antonio Murado e Antón Reixa.

Ningún comentario: