18 de abr. de 2013

BENVIDO "MISTER ARAGUNDE"

POR VICTOR CAAMAÑO.
O SACO DE FEFIÑANS É UNHA PROPOSTA ELECTORAL DO PP
Sexamos claros; o proxecto das comportas do Saco de Fefiñáns é unha proposta electoral do PP  e, para comprobalo, non hai máis que mirar os seus folletos de campañas pasadas. 
Polo tanto é unha proposta deste partido político e non do colectivo das mariscadoras, que son as que poden saír seriamente prexudicadas con esta obra (trátase dun proxecto non avalado por un só estudio técnico) . O que ocorre é que na actualidade ao PP, con case que 2.000 parados/as en Cambados e 1 de cada 3 traballadores/as en paro  no Salnés, dalle vergoña (e con razón) presentar este proxecto como o que realmente: unha proposta trasnoitada e máis propia da España franquista que pensaba que non existía turismo sen praia. 
A película de  “Benvido Mister Marshall”, fixo este mes 60 anos e a realidade que reflicte, está  é máis actual ca nunca en Cambados. Así a marabillosa obra das comportas do Saco de Fefiñáns, vainos librar de todos os males, entre eles do paro, co turismo masivo que chegará ao noso concello.
Pero a  realidade con respecto a este asunto está moi clara. Comezando porque despois de máis de 25 anos no goberno municipal, o PP non se preocupou polo saneamento do Saco (a pesar da súa suposta sensibilidade polas mariscadoras) e o resultado foi que este banco marisqueiro pasou de Zona B a zona C no ano 2010 e desde aquela as cousas non cambiaron. 
Outra realidade e que na anterior lexislatura tivemos a varios conselleiros do PP na Confraría, prometendo saneamento para o Saco e para todas as Rías e, a día de hoxe, as cousas seguen igual. Aínda que hai novas “promesas” de saneamentos para a mellora desta zona  e agardamos (non se sabe canto tempo) que nesta ocasión sexan certas as promesas do PP. Outra realidade é que durante esta durísima crise económica, as mariscadoras foron o único colectivo onde se crearon novos postos de traballo en Cambados e, polo tanto, o PP non  debería por en perigo o futuro deste sector. O razoable é que a prioridade sexa o saneamento do contorno do Saco e posteriormente plantexar calquera outro proxecto. O alcalde prometeu ás mariscadoras non pechar o saco ata que estea saneada a zona e iso so é demostrable cando as analíticas verifiquen que este banco marisqueiro é, de novo, zona B. 
Por último, calquera proxecto que implique un cambio na dinámica mariña, como o das comportas, debe estar avalado por un estudio que clarifique as consecuencias que terá para a zona, sobre todo, ao tratarse dun banco onde traballan 200 mariscadoras. Neste caso non existe ningún informe técnico que avale esta obra e, incluso, as últimas declaracións do Presidente de Portos, sobre o asunto, deixan claro que nin el sabe as consecuencias que terá a obra no futuro. En fin, o PP é moita propaganda e pouco sentido común; elemento que resultará imprescindible para superar esta crise económica.
UN ARTIGO DE VICTOR CAAMAÑO.

Ningún comentario: