OSCAR IBÁÑEZ: "EN ALÉN DO MAR SIGO OS PASOS DOS EMIGRANTES GALEGOS"
Oscar Ibáñez presenta o seu novo espectáculo “Alén do Mar” en Cambados, unha viaxe sonora chea de orixinalidade, imaxinación e creatividade froito da gravación do seu novo CD, , no que ademais da participación dos músicos da súa banda “Oscar Ibáñez & Tribo”, contou coa colaboración de músicos galegos, navarros, vascos, andaluces, irlandeses, cubanos, arxentinos, venezolanos e brasileiros.
Con esta nova proposta Oscar Ibáñez pretende irmandar musicalmente as culturas atlánticas usando a música galega como fío condutor nunha mestizaxe musical fresca, moderna e innovadora na que predomina a sonoridade celta.
As diversas viaxes que Oscar Ibáñez realizou nos últimos quince anos por máis de trinta países de Europa, América latina e EEUU influíron decisivamente na maneira de definir unha proposta musical cada vez máis aberta na que amosa as afinidades musicais dos dous continentes.
Oscar Ibáñez, inspirado nas músicas de ida e volta e na temática da emigración galega en América latina fundamentalmente, desenvolve un labor a medio camiño entre a investigación e a creación, co fin de realizar unha fusión sen límites, que ten coma resultado un novo e único son.
Nado en Pontevedra en 1976. Mestre en Educación Musical, Especialista Universitario en Música Tradicional Galega, Especialista Universitario en Arquivística, posúe o título de Grao Profesional LOE na especialidade de gaita de fol galega e cursou estudos oficiais de frauta de bico.
Dende 2004 traballa no Arquivo Sonoro do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra onde foi quen de reunir unha colección de 8.000 gravacións sonoras galegas que están a disposición dos cidadáns para a súa consulta.
Comezou a tocar a gaita en 1984 no grupo "Treboada" de Poio. Entre 1989 e 2004 formou parte da "Agrupación Folclórica Celme" de Pontevedra coa que participou en numerosos festivais internacionais por toda Europa nos que entrou en contacto con gaiteiros asturianos, escoceses, irlandeses, bretóns ou búlgaros. Dende 1995 dirixe o "Grupo de Música Tradicional Pai da Cana".
En 1997 comeza a colaborar coa Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia impartindo cursos de gaita e percusión nos Centros Galegos de Santiago de Chile (CHILE), Lima (PERU), Caracas, Puerto Ordaz e Valencia (VENEZUELA), Curitiba (BRASIL), México (MÉXICO), Zürich e Xenebra (SUIZA), New York e Los Ángeles (EEUU), Londres (UK), La Habana e Santiago de Cuba (CUBA) e Buenos Aires e Mar del Plata (ARGENTINA).
Acadou máis de corenta de premios nos concursos de gaita galega de maior prestixio o que o converte nun dos gaiteiros galegos máis galardoado tanto en dixitación aberta como pechada.
En 2008 crea a Asociación de Toque Pechado de Pontevedra, unha iniciativa para a recuperación e difusión das formas de expresión musical gaiteiras propias e diferenciais de Pontevedra como o sistema pechado de Manuel Villanueva, Perfecto Feijóo e Xan de Campañó ou o sistema semipechado de Ricardo Portela.
Como músico e produtor aparece en numerosos traballos discográficos como Ruta Folk: Terra Galega (Disco Trompo, 1998), In Mare (Ed. do Cumio, 2003), De ruada en Bos Aires (Ed. do Cumio, 2006), paidacana12 (Ed. do Cumio, 2006), Himnos e Marchas Procesionais de Galícia (Clave Records, 2007), A música que facemos (Xunta de Galicia, 2008), Agrupacións de Pontevedra: Agrupacións da Provincia (Deputación de Pontevedra, 2008), Foliada nas Rías Baixas: Homenaxe a Ricardo Portela, o Mestre (Ed. do Cumio, 2008), Musgafol: gaita e piano (Dos Acordes, 2009) e Son de Poio (Ed. do Cumio, 2009) entre outros.
Como investigador fixo coordinación do nº 11 da revista de etnomusicoloxía galega etno-folk (Dos Acordes, 2008), publicou o libro-CD "Os Montes de Lugo" (Ouvirmos, 2006), o libro+CD+CD-ROM "O Quinteto Monterrey de José Posada. Nos xardíns da Tropical" (Dos Acordes, 2009) e recentemente vén de colaborar co musicólogo Luis Costa na investigación e publicación do libro "El legado musical del Maestro Augusto Bárcena" (Deputación de Pontevedra, 2010).
É o creador e organizador do "Encontro de Gaiteiros MANUEL VILLANUEVA gaitas de fol do noroeste", "MUSGAFOL" e "JUELLES: Encuentro de Gaitas Europeas". En 2010 organizou os concertos dos "JUEGOS NÁUTICOS ATLÁNTICOS CANTABRIA 2010" nos que, ademais da súa banda, participaron grupos de recoñecemento internacional como Gwendal, Lúnasa e Shooglenifty entre outros.
Oscar Ibáñez participou en importantes festivais coma o Festival Intercéltico de Lorient, Festival Intercéltico do Morrazo, Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira ou o Festival Folk Canarias, colaborou en diferentes proxectos con gaiteiros galegos de renome como Paulo González, Iván Costa, Edelmiro Fernández ou Pablo Devigo, cos internacionais Patrick Molard, Diarmaid Moynihan, Ventzislav Andonov ou Hevia e cos grupos Faltriqueira e Lorena Lores entre outros.
Na actualidade está a presentar a súa nova proposta musical "Oscar Ibáñez & Tribo", formada por músicos galegos de recoñecida traxectoria como Fernando Fraga, Harry Price, Carlos Calviño, Paco Dicenta ou Andrés Vilán, coa que actuou en Galicia, Cantabria, Cataluña, Madrid, Canarias e Bretaña.
Alén do Mar é un disco feito paseniñamente, con moito coidado, o propio de alguén que se define como moi perfeccionista. Trátase do primeiro traballo en solitario de Oscar Ibáñez, un gaiteiro e frautista pontevedrés cunha ampla traxectoria dentro da música folk. Desta vez ofrécenos unha magnífica selección de melodías galegas e latinoamericanas enriquecidas con elementos propios da cultura celta. Presentarao pronto en directo xunto coa súa banda 'Oscar Ibáñez & Tribo' e nesa xira promete que non faltará unha actuación en Santiago de Compostela.
-Recolle toda unha traxectoria vital: as miñas viaxes por Europa para tocar, e a América, onde fun impartir cursos de gaita a través da Secretaría Xeral da Emigración. A medida que me fun empapando de todas esas influenzas pareceume moi interesante concentrar o tema nese mar que serviu de intercambio cultural, dese influxo europeo que foi a América, o feito musical indéxena e a vertente que aportaron os africanos. Pareceume moi atractivo e empecei a investigar sobre estas músicas, seguindo os pasos tamén dos galegos emigrantes. Ademais, tras descubrir o poema de Ramón Cabanillas ‘O fillo de Celt', que parte desa ascendencia celta galega e da tese do Cristóbal Colón galego, recoñecinme nos seus versos como un novo Colón celta que tiña que irmandar os mundos da música.
-Si. Ten moita música galega e tamén moita música dos galegos que emigraron. En cada tema e en función da cor, do estilo que nos pedía cada peza, incorporamos colaboracións que deran tintes concretos. Por exemplo, na ‘Xota de Forcarei' introducimos a guitarra flamenca; nas ‘Muiñeiras do Lerz', hai unha colaboración dun gaiteiro irlandés; na abanera ‘Dona Francisca', participou un contrabaixista cubano...
-A crise estanos afectando a todos. Sacar un disco agora é máis difícil ca nunca?
-Moito máis difícil porque o propio artista ten que asumir non só a parte creativa, senón a produción, os arranxos, a edición...Tes unha vinculación con todas as fases do traballo moito máis directa. É difícil trascender pero temos outras ferramentas como Internet, que nos pemite que o disco estea accesible en todo mundo, aínda que non sexa de maneira física. O bo tamén é que nós estamos nun ámbito que non pertence aos círculos de masas, é dicir, do que se leva ou non se leva, senón que na música folk se valoran tamén os traballos persoais, os que teñen que ver coa evolución dun artista.
-Pero si que hai gaiteiros como Carlos Núñez, Budiño ou Susana Seivane que alcanzaron unha grande fama. Aspiras a ter tanto éxito coma eles?
-Chegar á xente depende tamén da industria musical, da publicidade e de moitas cousas que un mesmo non é capaz de controlar. Pero que un traballo sexa bo ou non tan bo e despois que estea relacionado paralelamente cun éxito non sempre vai parello. Hai traballos que non son moi bos pero teñen o markéting e a publicidade detrás e hai traballos que son moi bos pero que non teñen ese apoio e a proxección é menor. Eu non teño ningunha aspiración nese senso... A ver, quero que o traballo se coñeza e canto máis mellor, pero non pensei en ningún momento en compararme con ninguén. Penso que o tempo irá poñendo a cada un no seu lugar.
-Tamén estás a preparar as actuacións en directo co grupo ‘Oscar Ibáñez & Tribo'. Aparte de Cambados en que outros ludares vas actuar
-Si, imos tratar de facer algunhas presentacións e que realmente este traballo poida entrar nos circuítos culturais. E nesa xira ten que estar Cambados, claro. Tocar alí é algo que me faría moitísima ilusión. Tamén quero empezar a exportar. É importante que nos preocupemos de abrir novos camiños e non intentar seguir no círculo vicioso dos mesmos lugares sempre. A idea é saír cara a península nun primeiro momento e logo cara Europa. O salto a América sempre é un pouco máis compricado. Ten que ser unha xira longa que realmente permita facer sostible todos os gastos que conleva ir alá. Pero penso que haberá tempo para todo. Nesta carreira longa que nos plantexamos estamos aínda no punto de partida. Todo está por chegar.
O TERCEIRO GRAO
-Que ten a gaita para que sexa o teu instrumento?
-É un instrumento moi importante por moitas cuestións. A relación que hai con todos os instrumentos de vento é moi íntima porque compartes o ar, abrázalo, e logo ten toda esa significación e toda esa carga identitaria do país.
-Se non foras gaiteiro, que serías?
-Músico, dende logo (sorrí). Trato de ser un gaiteiro-músico ou un músico-gaiteiro. A música realmente forma parte do cen por cen da miña vida, pois incluso traballo nun arquivo sonoro de Pontevedra.
-Ocórrenseme moitos grupos e artistas. Pero realmente faríame moitísima ilusión- aínda que xa non é posible - tocar con músicos que xa non están. Por exemplo, con Ricardo Portela. Son un gran seguidor del.
-Un disco ou canción que non poidas deixar de escoitar
-Para min un tema marabilloso, que é un símbolo, é a 'Muiñeira de Chantada' tocada porAvelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo de Montes. O que transmite a súa interpretación penso que aínda non se volveu conseguir.
-Que é co que máis ris?
-Cunha boa conversa cos amigos.
-E con que choras?
-Coa perda dos seres queridos.
-Pódeste describir en tres palabras?
-Traballador, perseverante e perfeccionista.











Ningún comentario:
Publicar un comentario