22 de xuño de 2013

A XUNTA DIRECTIVA DAS MARISCADORAS A PÉ REÚNESE CO BNG

Na tarde de onte o BNG tivo unha reunión coa Xunta Directiva da Agrupación de mariscadoras a pé da Confraría San Antonio de Cambados. No encontro, realizado a  petición do BNG, tratouse como temática principal a
problemática do saneamento do contorno do banco marisqueiro do Saco de Fefiñáns que levou a que esta zona produtiva  fora declarada zona C no ano 2010 e que, recentemente, fora ampliada a superficie desta  cualificación coa “zona dos tubos”. 
Ámbolos colectivos mostraron a súa preocupación polo precario estado e o futuro deste banco, plantexando como o obxectivo prioritario, lograr o saneamento  e recuperación da zona para o marisqueo; actividade produtiva que está a máis postos de traballo na actualidade. 
Así mesmo en dita reunión, o BNG trasladoulle, ás representantes das mariscadoras, as iniciativas presentadas no Parlamento Galego pola Deputada Montse Prado. Ditas iniciativas, van encamiñadas a que o orzamento que a Xunta ten destinado para a construción das polémicas comportas do Porto de Tragove, sexa utilizado para realizar o saneamento integral da zona do Saco de Fefiñáns; saneamento prioritario e  imprescindible para poder lograr a futura recuperación do banco marisqueiro.
Ademais, ambos colectivos valoraron diferentes posibilidades de actuación coa finalidade de buscar futuras solucións ás problemáticas que están a preocupar, actualmente, a este importante sector produtivo.

Ningún comentario: