20 de ago. de 2013

O CORO CAMBADÉS CLAVE DE SOL ORGANIZA UN CONCERTO O VINDEIRO VENRES

NA PRAZA DE ALFREDO BRAÑAS (CAMBADOS) “ANOS 60-70".
O vindeiro venres 23 de Agosto ás 21 horas na Praza de Alfredo Brañas de Cambados, terá
lugar un concerto organizado polo Coro xuvenil cambadés “Clave de Sol” que eles mesmo titulan “ANOS 60-70”, interpretarán pezas famosas de música pop relativas a eses anos.
O Coro de mozos CLAVE DE SOL nace en decembro do 2002 respondendo ás inquedanzas musicais dun grupo de nenos e a súa catequista, na parroquia de San Adrián de Vilariño en Cambados.
En maio do 2003, buscan a batuta da súa actual directora, Dona Mercedes Tilve, profesora de piano e de canto, a cal lles axuda a formarse vogal e musicalmente.
Dende entón, amenizan celebracións litúrxicas nas parroquias dos seus arredores.
A medida que pasa o tempo, o coro vai ampliando o seu repertorio, tanto litúrxico como profano, contando con obras de estilos moi diferentes.
Veñen participando todos os anos en diferentes concertos de panxoliñas de carácter solidario, organizados por Cáritas en Vilagarcía de Arousa, en Cambados e no Auditorio de Caixanova en Vigo.
Tamén organizan e participan en diferentes xuntanzas de coros xuvenís en diferentes puntos
da xeografía galega.
En xuño de 2007, colaboran na gravación do CD da XXV edición de música litúrxica “Raíñada Paz”, experiencia que volven a repetir ao ano seguinte.
En outubro de 2008, deciden organizar un concerto benéfico en Cambados para recadar fondos que foron destinados aos nenos enfermos de cancro.
En febreiro de 2009, viaxan a Madrid para amenizar unha misa na honra ás vítimas do 11M na Real Basílica de Atocha.
Na primavera de 2011 participan nun Intercambio Cultural de música africana, realizada no Palacio de Congresos de Pontevedra.
O ano pasado, celebraron o seu X aniversario cun gran concerto celebrado no Salón de Congresos e Exposicións José Peña de Cambados, no que conseguiron reunir a diferentes coros cos que estiveron en contacto e compartiran experiencias nesta década.
Este ano (abril 2013), veñen de celebrar un concerto en homenaxe a toda unha traxectoria, na que presentaron un esbozo do repertorio (litúrxico e profano) adquirido nestes últimos 10 anos.
Continúan traballando en próximos proxectos, como actuacións para colaborar con diferentes entidades benéficas.

Ningún comentario: