15 de out. de 2013

TODA UNHA INSTITUCIÓN EN CAMBADOS PECHA AS SÚAS PORTAS

O ÚLTIMO XASTRE DE CAMBADOS XUBÍLASE 
A FAMILIA ARENAZ COMEZOU CO SEU NEGOCIO TÉXTIL EN 1940 
Antes de que termine este ano, Cambados perderá un dos seus comercios máis antigos.
Confecciones Arenaz bota a pechadura tras máis de 50 anos na esquina da Rúa Nova coa Rúa do Rollo, aos que habería que sumar outras dúas décadas nun baixo da Rua Hospital. Fernando Arenaz Núñez xubílase aos 68 anos tras máis de medio século detrás do mostrador, e asegura que o deixa "polas circunstancias actuais, porque por min aguantaria seguramente ata os 70". A crise e a falta de substitución xeracional lévanse por diante un símbolo da localidade.
Manuel Arenaz Arenaz, un carabineiro natural de Biel (Zaragoza) foi destinado entre finais do século XIX e principios do XX a Vilagarcía. Acompañáballe a súa esposa, á que coñecera en
Aqui estivo a primneira Sastreria
Arenaz.
Marbella -entón un pequeno pobo mariñeiro- e xa se quedaron en O Salnés. 
A parella estableceuse en Cambados trala xubilación de Manuel Arenaz, e entre as décadas dos 30 e os 40 os seus fillos crearon algunhas das empresas máis coñecidas do século pasado en Cambados, como foron a de transportes -fundada por Francisco Arenaz- e a xastrería, que montou Juan Arenaz. 
Este puxo en marcha a xastrería en 1940 no baixo da vivenda dos pais -situada xunto á capela do Nazareno, na Rúa Hospital- e nela empezou a
traballar sendo apenas un neno Fernando Arenaz Núñez, un dos comerciantes máis veteranos de Cambados, e que se xubila a finais de ano. 
Fernando Arenaz (nacido en 1945) empezou a traballar no taller do seu pai con pouco máis de once anos. Ao principio só varría, movía os panos ou facía os recados, pero tamén ía aprendendo os rudimentos do oficio. Naquela época só as familias moi podentes podían dar formación académica superior a todos os seus fillos; as de
clase media, como a Arenaz, só podían estudar ao primoxénito, e Fernando non o era, "así que me fixen á idea de que iría orientado ao traballo do meu pai"
Aínda que tampouco exactamente. Juan Arenaz era xastre, e aínda que o seu fillo tamén aprendeu a confeccionar a roupa, a este gustáballe máis a parte comercial do traballo, o contacto persoal cos vendedores e os clientes. "Con 16 anos xa ía só a Vigo nos transportes do meu tío a comprar a mercancía", conta. Daquela época
Fernando Arenaz tamén recorda "como viña moita xente a que lle desen a volta ao traxe porque xa o tiñan moi gastado polo outro lado. Porque os tempos actuais son difíciles, pero os 50..." 
A Xastrería Arenaz crecía. Nela traballaban case media ducia de persoas -a maioría da familia- e co tempo chegoulles a posibilidade de mudarse a un local máis amplo. En 1962 a xastrería establécese na súa cubicación actual, e entre dúas e tres anos despois prodúcese un fito na historia do negocio: convértese no primeiro establecemento de Cambados que vende roupa de cabaleiro xa confeccionada. "Xa naquela época notábase un progresivo encarecemento da produción propia e víase que a venda de confección era o futuro. Ata viña comprar no noso comercio xente de O Grove", recorda Fernando Arenaz, que se fixo cargo do negocio en 1967, tralo falecemento do seu pai.
Os cambios foron progresivos, pero imparables. Nos anos 80 deixaron de vender pano, e en 1992 deixou de funcionar a xastrería "en canto xubilouse o último traballador que estivera co meu pai". Pero a finais da década pasada empezou a notarse a crise. "Ata entón vendiamos normal", asegura. Co baixón do consumo e cos seus fillos coa súa vida xa feita lonxe do comercio, Fernando Arenaz cre que chegou o momento de parar e de agradecer aos clientes "toda a confianza e o trato familiar que nos deron".
ARTIGO RECOLLIDO DE FARO DE VIGO.

NOTA DO ADMINISTRADOR: Primeiro darlle os parbéns a Faro de Vigo por este fenomenal artigo e logo gustarianos engadir que Fernando Arenaz, ao cal coñecemos personalmente é unha desas persoas que favoreceu moito a xente de Cambados, unha persoa querida e que pode ir,  agora que se xubila, pola nosa vila coa cabeza ben alta pola dignidade que como persoa e como comerciante  amosou durante todos estes anos. Parabens amigo e a gozar da xubilación que ben o mereces.

Ningún comentario: