6 de nov. de 2013

OS GOBERNOS DO PP SEGUEN A SIGNIFICAR MÁIS PARO, MÁIS IMPOSTOS, MÁIS POBREZA...

SENSIBILIDADE E COMPROMISO CIDADÁN DO PP
Hai uns días, no derradeiro pleno municipal, o PP aprobou en solitario a suba de taxas e impostos para o ano 2014. O PP chamoulle actualización porque a suba deste ano foi do 1
´5%, como o IPC.  Semella que se lles pasou desapercibido que os soldos non están a subir segundo o IPC, senón a baixar, ao  igual ca o poder adquisitivo das familias que nos últimos tres anos caeu 10 puntos. Estamos a vivir unha situación onde a baixada de soldos e o incremento do paro van acompañados da subida de impostos segundo o IPC; isto nos levará, irremediablemente a que cada vez sexamos máis pobres.
Desde o  2009, ano no que Aragunde accedeu a alcaldía, o IPC subiu (segundo datos do INE) o 9´3%. Nestes mesmos anos disparouse o paro e a baixada e conxelación dos soldos foi a norma. Ademais, a realidade demostrounos que non é certo que os impostos e taxas se actualizaran ao IPC, senón que se dispararon, sobre todo, os que nos afectan de xeito máis xeral. Así, a “urbana”(IBI) subiu
máis dun 37%, a cota de servizo da auga (cota fixa) subiu máis dun 64%, o canon de saneamento subiu máis dun 33%, creándose ademais un novo imposto para a auga (é dicir, suba do 100%) para os que nos servimos de pozo privado, imposto chamado, para disimular, coeficiente de vertido. Así mesmo a taxa dos sumidoiros, desde o 2009, subiu case un 19 % e a do lixo case un 11% (e non nos esquezamos do “sablazo” que nos dará o PP, proximamente no recibo do lixo, pois xa está a anunciar unha suba desta taxa do 34%). 
Entón vemos que o PP non ten problemas para facer excepcións cando se trata de subir impostos por riba do IPC ou ben crear impostos novos (coeficiente de vertido), pero non está disposto a facer excepcións para conxelalos algún ano como este, de situación económica extrema. 
E se isto non fora suficiente, a partir de agora dinos o PP que as pensións subirán un 0´25%; non subirán o IPC. A tradución deste feito é que as pensións, en realidade, baixarán e os pensionistas cada ano terán mesmo cartos para pagar uns impostos e taxas que soben o IPC (1´5%). A cuestión é que de subir impostos, podería aceptarse, sempre e cando, a suba fora do 0´25%, pero non a do 1´5%.
Conclusión: os gobernos do PP seguen a significar máis paro, máis impostos, máis pobreza, menos salario, menos pensións, menos servizos públicos.


Víctor Caamaño Rivas  (Portavoz Municipal do BNG)

Ningún comentario: