25 de mar. de 2014

MIGALLAS TEATRO PRESENTARÁ “PAN DE MILLO” ESTE SÁBADO NO ESPAZO A PITA CEGA DE VILAGARCÍA

CON MARÍA CAMPOS E CARLOS YUS, QUE INTERPRETARÁN VARIAS CANCIÓNS DESTE LIBRO-DISCO. 
QUE XA VAI POLA SEGUNDA EDICIÓN E FOI GALARDOADO CO PREMIO ISAAC
DÍAZ PARDO AO MELLOR LIBRO ILUSTRADO.
Migallas Teatro actuará este sábado 29 de marzo ás 12:00 horas no espazo A Pita Cega de Vilagarcía para presentar o seu libro-disco “Pan de millo”, ilustrado por Dani Padrón e publicado por KALANDRAKA. María Campos e Carlos Yus interpretarán varios temas deste traballo dirixido a público familiar. “Pan
de millo” reúne 14 cancións e versións de temas tradicionais que forman parte do repertorio dos seus espectáculos e actividades de expresión dramática, plástica e musical. A entrada é libre e de balde.
Dende a publicación de “Pan de millo” o pasado mes de outubro, este libro-disco vai xa pola súa segunda edición. Migallas Teatro realizou presentacións nas sete principais cidades galegas, máis nalgunha vila, e continuará percorrendo Galicia ao
longo deste ano con dous espectáculos deseñados por María Campos e Carlos Yus a partir desta obra: “Vai ser boa!” e “Merenda con pan de millo”.
Inspirándose nas cancións, Dani Padrón creou unhas ilustracións que destacan pola frescura, o colorido e a ledicia que transmiten os personaxes. O seu traballo vén de ser recoñecido co Premio Isaac Díaz Pardo ao Mellor Libro Ilustrado, que lle concedeu a Asociación Galega de Editores.
Os arranxos e adaptacións das cancións están realizados por Magoia Bodega e Paulo Nogueira, músicos e educadores, membros do grupo Treixadura -I Premio Galego da Música na categoría de música tradicional- e moi vencellados a proxectos de divulgación da música galega tradicional. Tamén participaron intérpretes do prestixio de Pancho Álvarez, César Longa, Begoña Riobó ou Segundo Grandío, entre outros artistas.
É o segundo proxecto musical de Migallas despois de “Canta connosco!”, considerado un revulsivo no eido da música galega infantil. Co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor, este traballo está pensado para seguir practicando o xogo e a diversión, recuperar a memoria dos avós e avoas, e contribuír á transmisión da
lingua. No repertorio conviven ritmos autóctonos -como muiñeiras, pandeiradas e pasodobres- con melodías de inspiración latinoamericana. Os temas de creación tratan cuestión actuais como a colaboración fronte á competición, a promoción da paz ou o exceso de actividades extraescolares. Tamén se inclúen propostas de expresión plástica e dramática.
CANCIÓNS DISPOÑIBLES na web de Migallas (tlf. 630 872 668):
-Videoclip de “Pan de millo”

Ningún comentario: