4 de xuño de 2014

DOBRE CITA NO RUGBY

A SELECCIÓN GALEGA XOGA EN MONTEPORREIRO
A selección galega recibe a Andorra en Pontevedra na segunda xornada da 'Histori Cup' e o Vigo Rugby necesita remontar ante o San Cugat o 29-10 da ida para seguir unha tempada máis na División de Honra, segundo nos informa o periódico dixital Galicia Confidencial.
Trala derrota na primeira xornada con Euskadi (25-3) en Getxo, a Histori Cup chega a Galicia. Na segunda cita, a selección galega recibirá o sábado no campo pontevedrés de Monteporreiro a Andorra. O partido será finalmente ás 19.30 horas, para permitir aos afeccionados galegos poder asistir antes a final que xogará o Vigo Rugby Club co Sant Cugat nas Lagoas (17.15h).
Pontevedra acolleu este martes a presentación da xornada, coa presencia do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores; o presidente do anfitrión, o Pontevedra Rugby Club, Félix Álvarez; e o secretario xeral da Federación, Javier Fernandez Rozas. Antes do partido de seleccións haberá un encontro de veteranos e rugby sete feminino.
Co mítico Seis Nacións en mente, as federacións de Galicia, Euskadi e Andorra crearon este ano a Histori Cup, para que as seleccións destes países poidan medrar con competicións de nivel axeitado. O proxecto deixaba aberta a porta a novas incorporacións, e Cataluña sumarase á iniciativa para o 2015. A terceira e derradeira xornada desta primeira edición enfrontará a Euskadi e Andorra o vindeiro 14 de xuño en Getxo.
O partido de seleccións coincide na data co transcendental
partido entre Vigo Rugby Club e Rugby San Cugat, no que os homes de David Monreal xóganse a permanencia na División de Honra. Para facilitar a viaxe dos cataláns, o partido fixouse o sábado ás 17.30 horas nas Lagoas. Agora, para facilitar o traslado dos afeccionados de Vigo a Pontevedra, a volta do play-off pola permanencia adiántase ás 17.15 horas. O Vigo Rugby Club non dá a eliminatoria por perdida, pero necesita unha auténtica proeza: remontar o 29-10 da ida para xogar unha cuarta tempada consecutiva na máxima categoría. A Federación Galega de Rugby fai un chamamento: “Todos ao CUVI a animar a Vigo; todos a Monteporreiro a animar a Galicia. Todos somos o mesmo”.


Ningún comentario: