27 de xul. de 2014

O CLUB PIRAGÜISMO CAMBADOS VOLVEU DEMOSTRAR A SÚA FORTALEZA NA COPA SIPRE DE KAIAK DE MAR QUE SE DISPUTOU EN VIGO

VOLVEU SER O PRIMEIRO POR EQUIPOS, NUNHA NOVA LOITA CO CLUB DE MAR RÍA DE ALDÁN IRMÁNS GANDÓN
O Club Piragüismo Cambados volveu demostrar a súa fortaleza na Copa Sipre de kaiak de mar que se disputou en Vigo. Volveu ser o primeiro por equipos, nunha nova loita co Club de Mar Ría de Aldán Irmáns Gandón, que ocupou a segunda posición. Terceiro foi o Náutico O Muiño de Ribadumia, o cuarto As Torres Romería Vikinga, de Catoira, o quinto o Club Piragüismo Aldán e o sexto o Club Kayak
Vigo, organizador da competición. Era a quinta regata da Copa Sipre e acudiron á cita 23 clubs e máis de 250 padexeiros de varias categorías.
Nun percorrido espectacular, con saída e chegada en Bouzas, os participantes tiveron que chegar ata O Vao e volver. Un percorrido pegado á costa que permitiu ao público seguir aos participantes. É unha das peculiaridades dunha regata na que se inviste pouco máis dunha hora en realizarse.
Foi ese o tempo que lle levou a ser primeiro na liña de chegada a Carlos Pérez Rial, "Perucho", en K-1. Superou a José Ramón Estévez, do Náutico de Pontecesures, e a Matous Pavlik, do Ría de Betanzos. Na categoría feminina, a ganadora foi Amaia Ousaba, do Club Piragüismo Pamplona. Jéssica Moledo e Carmela Menduiña, ambas do Club de Mar Ría de Aldán Irmáns Gandón, ocuparon a segunda e terceira posición respectivamente.
Na modalidade de K-2, Jesús Rodríguez León e Bernardo Sánchez, do Club Fluvial O Barco, foron os ganadores, por diante de David Bouzón e Gustavo Tubio, das Torres Romería Vikinga.Julio Fontán e Pablo García, do Club Naval de Pontevedra, ocuparon a terceira posición. Sara Bravo e Ruth Otero, do Breogán de O Grove, foron as gañadoras na categoría feminina.
A proba viguesa estaba destinada ás categorías cadete, xuvenil, sénior e veterano. Ademais, disputouse a regata do chamado modelo tradicional. A competición tamén lle serviu ao Kayak Vigo para promocionar o piragüismo. Ao longo de toda a xornada foron numerosas as persoas que probaron esta modalidade deportiva.
FONTE : PONTEVEDRA VIVA.


Ningún comentario: