9 de set. de 2014

O ENSINO PÚBLICO SEGUE A PADECER AO PP

Sen dúbida o ensino público non está a ser valorado, aínda, coa importancia que realmente ten, pois desde hai mitos anos leva conseguindo que sexamos unha sociedade máis igualitaria onde, por exemplo, moitos dos actuais
médicos, enxeñeiros ou inspectores de facenda son fillos de xente humilde pero que grazas a un bo ensino público, a un
ensino non elitista e de calidade,  conseguiuse que a valía das persoas non se medira pola súa capacidade económica, senón polo esforzo e as capacidades intelectuais, o que redunda no beneficio da maioría. 
Co PP no poder  isto rematou, pois está a facer todo o posible  por degradar o
ensino público ao estado no que estaba nos tempos do ditador; nuns tempos onde so podían estudar o fillo do médico ou do notario.
Feijoo estreouse como presidente da Xunta eliminando o sistema de gratuidade dos libros de texto, eliminando profesorado, aumentando o seu horario, aumentando o número de alumnos por aula e,
agora, axudando a implantar unha lei retrograda como a LOMCE que nos levará ao modelo de ensino dos nosos pais ou, quizais,  avós.  Estrease a LOMCE no meu centro  sen investir un só euro, se non máis ben o contrario. Implántase a nova FP Básica sen dotar ao centro de profesorado nin de aulas
para tal finalidade; todo un alarde de falta da máis mínima sensibilidade co ensino público. E tamén comeza o novo curso escolar con tres profesores e medio menos (compartiamos un profesor con outro centro; xa non) cao pasado curso escolar, pois das últimas seis xubilacións a Xunta so cubriu tres. Trátase do recorte máis drástico de profesorado nos anos
de Feijoo na Xunta (e iso que segundo o PP xa remataron os recortes e xa se ven ”brotes verdes”; semella que non para o ensino público). E se isto non fose suficiente, en secundaria fannos volver aos tempos no que un profesor serve para impartir  calquera materia (a de música da lingua, o de debuxo matemáticas, o de matemáticas educación física …); o mesmo modelo que  vivín como alumno do BUP nos anos setenta. E se isto non fora suficiente xa nos anuncian que para o próximo curso, as cousas serán peores e seguirá o recorte en profesorado. 
E mentres o PP trata deste xeito ao ensino público, está a subvencionar aos colexios do OPUS que segregan por sexo a rapaces e rapazas. Que intereses defende  o PP? A quen representa realmente o PP? Está claro que cada vez representa a menos xente, por iso está disposto a cambiar unilateralmente as regras básicas da democracia para seguir manténdose no poder e seguir defendendo os intereses das minorías privilexiadas.
En Cambados a 9 de setembro de 2014
Víctor Caamaño Rivas (Portavoz Municipal do BNG)

Ningún comentario: