13 de out. de 2014

O PAZO DE FEFIÑÁNS NON É UN CASTELO

O EXALCALDE PILLADO SILVOSO ADVIRTE DO MAL USO DA EXPRESIÓN "TORRE DA HOMENAXE"
É común ler ou escoitar que o pazo de Fefiñáns ten unha torre da homenaxe, ou que a investidura dos Cabaleiros do
Albariño ten lugar no patio de armas do pazo. Pero ambas as dúas expresións son incorrectas, como apunta Xoán Antonio Pillado, porque Fefiñáns nunca foi unha fortaleza militar.
O pazo de Fefiñáns, en Cambados, nin ten patio de armas nin torre da homenaxe. Ambas as dúas denominacións están
amplamente estendidas na vila, ata o extremo de que aparecen en folletos turísticos e páxinas web oficiais da administración. Non obstante, ambas as dúas son inexactas, tal e como puntualiza o exalcalde cambadés e profesor retirado Xoán Antonio Pillado Silvoso.
Este recorda que tanto a "torre da homenaxe" coma o "patio de armas" son dous elementos do castelo medieval, e que posúen un carácter eminentemente militar. Unha situación que non se produce no pazo de
Fefiñáns, "que nin é un castelo nin "nunca o foi", en palabras de Pillado Silvoso, xa que se construíu cunha finalidade residencial.
Un equívoco que se dá a miúdo, e que mesmo cometen as administracións ao anunciar por exemplo que o acto solemne de investidura dos novos Cabaleiros do Albariño se celebra no patio de armas de Fefiñáns, cando en realidade "se trata dun simple patio, sen máis, que
noutros pazos pode aparecer ocupado cun xardín", engade o exalcalde, coñecido polo seu interese pola historia local.
O patio de armas medieval era o espazo central da fortaleza, situado
xunto á torre da homenaxe, onde o aspirante a cabaleiro facía a noite de vixilia coas súas armas previa ao acto de investidura do día seguinte. No caso de Fefiñáns, era un lugar rodeado polas cortes dos cabalos e as dependencias onde se gardaban as carruaxes.
En realidade, o patio central do pazo era a praza, hoxe pública, pero que no seu día estaba pechada por varias arcadas, das que na actualidade
só sobrevive unha.
No caso da torre da homenaxe, Xoán Antonio Pillado Silvoso recorda que era a parte central e máis destacada do castelo reservada para a residencia do señor, e que debe o seu nome a que
nela se facía a cerimonia da homenaxe, na que o nobre entregaba un feudo ao seu vasalo. Esta característica tampouco se dá na torre do emblemático pazo cambadés (a situada xunto ao instituto Ramón Cabanillas) e que segundo Pillado "é un miradoiro ou torre-
atalaia, cunha finalidade de ocio, de demostración de poder, ou mesmo como un punto de control dos labores agrarios que se desenvolvían cara ao Leste do pazo,".
Na torre aínda se conserva unha inscrición, pero xa practicamente ilexible polo paso do tempo, no que se dan unha
serie de consellos, e na que se le por exemplo "coñécete a ti mesmo", "fuxe do vicio, aborrece o ocio" ou "ama o traballo". 
En realidade a inscripción enteira di: 
CONOCETE A TI MISMO
POR SEMEJANZA DE DIOS PROCEDE COMO HECHURA DE SU MANO – HUYE DEL VICIO – BUSCA LA VIRTUD – ABORRECE EL OCIO – AMA EL TRABAJO – NO SEAS SOBERBIO, ANTES HUMILDE – NO MIENTAS, PORQUE ES LA MAYOR VILEZA DE LOS VILES – PROCURA LOS AMIGOS MEJORES QUE TU, PUES CON ESTO Y VERDAD, SECRETO Y LIMPIEZA DE ALMA NOS SUCEDE BIEN TODO – DA LO QUE PUDIERES BIEN DISTRIBUIDO NO OLVIDES LOS BENEFICIOS NI TE ACUERDES DE LAS INJURIAS SI QUIERES OFRECERTE A DIOS Y ADVIERTE QUE EL OSAR MORIR DA LA VIDA PORQUE LOS HONORES CON GRANDES PELIGROS Y TRABAJOS SE ADQUIEREN – AMA Y TEME A DIOS Y ATRIBUYELE LOS SUCESOS PORQUE NO HAY OTRA FORTUNA.

NOVA RECOLLIDA DO FARO DE VIGO


Ningún comentario: