11 de nov. de 2014

“MATRIARCAS”, O ADIANTO NO QUE GUADI GALEGO HOMENAXEA AS MULLERES REAIS

“Matriarcas” é o primeiro videoclip do novo disco de Guadi Galego Lúas de outubro e agosto. “Matriarcas” é tamén a súa homenaxe ás mulleres reais,
aquelas que mostran a súa resistencia e valentía diante da vida cotiá. 
"Nos aleitadoras, nós conquistadoras, brillantes activistas da vida cotiá", di a canción “Matriarcas”, o primeiro videoclip do novo disco de Guadi Galego, Lúas de outubro e agosto que sairá á venda o vindeiro 25 de novembro. 
Guadi Galego rodeouse das mulleres da súa vida, das mulleres da súa familia e outras moi queridas para gravar o  videoclip de “Matriarcas”, un traballo audiovisual de Karlos Abal. Algunhas mestras, outras actrices e algunha música; algunhas coñecidas e outras anónimas, moitas nais mais non todas... as mulleres que convoca Guadi Galego para as súas “Matriarcas” son “mulleres reais que reflicten a resistencia na vida cotiá”, explica a cantora. 
En Lúas de outubro e agosto, o seu segundo traballo en solitario tras Benzón de 2009, Guadi Galego anuncia un feixe de cancións nas que as emocións e os sentimentos son os protagonistas. “É o meu xeito de escribir e ver a vida, é o que lle dá sentido. Nunca penso no que vou facer ou escribir, é o que me sae e, neste momento, Lúas de outubro e agosto vén desta maneira, con emocións e sentimento”, explica Guadi Galego, en adianto do que se desvelará o 25 de novembro. 
Coa maternidade recente, o vínculo tamén corporal coa nova xeración está moi presente neste primeiro videoclip no que mesmo se pode ver á cantante aleitando a súa filla. “Creo nas aleitadoras como un xeito de afrontar a vida, de ti a ti. Creo na lactancia materna e no vínculo que se establece, como símbolo tamén desa relación tan intensa, malia que por calquera razón non poda ser así”, sinala Guadi Galego. “Matriarcas” está dedicado á escritora e amiga Begoña Caamaño, recentemente falecida. 
Lúas de outubro e agosto é o seu segundo disco en solitario mais na súa intensa traxectoria musical, Guadi Galego formou parte de proxectos como Berrogüetto, Nordestinas, Espido ou aCadaCanto. 
UN ARTIGO DE CARME VIDAL PARA SERMOS GALIZA

Ningún comentario: