24 de ago. de 2015

O GOBERNO DE CAMBADOS PEDIRÁ NO PLENO A RETIRADA DO COPAGO NO CENTRO DE SAIAR E QUE A BIBLIOTECA MUNICIPAL LEVE O NOME DE LUIS REI.
O grupo de goberno de Cambados levará ó pleno da corporación municipal, que se celebrará este xoves, dúas
mocións que serán presentadas polo Concelleiro de Servizos Sociais Constantino Cordal, de Somos Cambados.
A primeira solicita que a Xunta rectifique a súa política en relación co Centro Ocupacional de O Saiar, en
Caldas, de maneira que se anule o copago previsto para que siga sendo un centro gratuíto para as persoas usuarias.
Tamén propón que a administración autonómica faga as reformas necesarias para a modernización das instalacións e o correcto funcionamento do centro.
O concelleiro de Servizos Sociais argumenta na sua proposta que "o Centro Ocupacional de O Saiar constitúe un referente en Galicia no desenvolvemento de actuacións e programas de inserción social para persoas afectadas por algún tipo de discapacidade. Este centro, dependente da Xunta de Galicia, fai un traballo moi recoñecido a favor da calidade de vida de moitas persoas a través de programas pioneiros'.
A BIBLIOTECA MUNICIPAL NON PODIA NIN DEBIA TER OUTRO NOME: LUIS REI
Na segunda moción, e a xeito de "merecida homenaxe póstuma", o grupo de goberno propón que a biblioteca municipal pase a denominarse Biblioteca Luís Rei, responsable da mesma durante anos, que faleceu o pasado 10 de agosto.
Entende o cuatripartito que Luis Rei foi "un home comprometido co desenvolvemento cultural de Cambados ademais de artífice do seu crecemento e unha referencia imprescindible para varias xeracións de usuarios e usuarias da mesma.
A cultura galega en xeral, a do Salnés e a de Cambados en particular tiveron na súa persoa un paladín xeneroso, entusiasta e incansable. Dedicou anos e anos de esforzo a
estudar a figura de Ramón Cabanillas. ..e divulgou en artigos e traballos numerosos aspectos, anécdotas, feitos históricos e personaxes do seu Salnés, moi particularmente das dúas vilas que constituíron os esteos da súa identidade, Cambados e O Grove.
E, por se todo isto non abondase, despregou durante varias décadas todo o seu bo facer como técnico cultural na nosa vila, enchéndoa de bo teatro, boa música e boas exposicións de arte"
Nova recollida de Arousa si Radio Salnés.

Ningún comentario: