25 de ago. de 2015

VAAMONDE, LAMAS & ROMERO SON SINONIMO DE MUSICA TRADICIONAL, E HUMOR, MOITO HUMOR.,

O SABADO 29 NO FESTIVAL XIRONSA EN CORVILLÓN-CAMBADOS.
Suso Vaamonde, Pedro Lamas e Xosé Lois Romero, son tres nomes
referenciais na música galega actual. As súas traxectorias individuais abranguen dende a música de raíz ata o folk, a
fusión ou o jazz, pasando pola docencia, a composición e dirección musical ou a publicación de partituras, todas elas amplamente refrendadas polo público.

Os seus nomes son sinónimo de música tradicional, de
sobriedade compositiva e de exquisito gusto polos arranxos, e están ligados a algúns dos mellores momentos e artistas da música galega recente (Nova Galega de Danza, Fuxan os Ventos, Mercedes Peón, Xabier Díaz, Susana Seivane, Uxía, Luvas Verdes, Quique Peón Cía, Faltriqueira, Guadi Galego, Jane Joyd, Galeoke,...).

En 2006 deciden unir talentos para amosar a súa particular visión da música popular. Unha proposta minimalista pero divertida, porque detrás dunha aparente sofisticación agóchase unha refrescante posta en escena que combina a partes iguais música e retranca.

Música popular, tradicional, a de sempre, a arte vella e bela dos músicos do país, maquillada e ataviada cunha nova
vestimenta, elegante e sobria; pero nada máis lonxe do seu propósito de xogar cos prexuizos, rachar cos tópicos e, sobre todo, pasalo ben, eles e o público.

En novembro de 2008, publicaron “Vellas artes”, e en 2011 o CD-DVD "O tambor de prata".

Vaamonde, Lamas & Romero son boa música e mellor humor. Un bálsamo terapéutico e liberador para estes tempos de crise.

Ningún comentario: