7 de dec. de 2015

Dende o .tk

En primeiro lugar gustaríame dicir brevemente que é para min unha honra poder colaborar neste espazo da web que decidiu retomar Chon fillo. Tentarei estar a altura desta iniciativa, que aínda que vai máis alá diso, é unha excelente homenaxe a unha persoa que deu tantas horas do seu tempo ao pobo de Cambados. Que nos conectou alá onde estivemos, fora Guatemala, Dinamarca, Perú, Reino Unido, Oklahoma, Barcelona, e un longo etcétera de casos reais de cambadeses no estranxeiro. Este espazo, cos seus diferentes nomes, foi un referente na web cambadesa desde que comezaran a agromar os diferentes espazos hai aproximadamente dez anos. E foino porque Chon pai demostrou autenticidade, constancia, e paixón nesta tarefa, como en tantas outras facetas que desenvolveu na nosa vila e coas que deixou unha pegada inmensa. Que sirva a reapertura de A Ti Meu Cambados como unha fonda homenaxe máis, a unha persoa excepcional.

Grazas, Mariano

Quen me ía dicir a min que logo desta lexislatura remataría por darlle as grazas ao Presidente de España? Como pode ser, logo da peor lexislatura que recordo? Certo, como podo verbalizar as grazas mentres aínda hai lembranzas tan frescas como as dun señor chamado Bárcenas, e os seus papeis? Ou dalgo máis preto a nós, que se deu en chamar Pokemon. De sobres e sobresoldos. Mais si, grazas, Mariano.

En Galiza sempre serás o Señor dos Hilillos, mais pasarás a historia como o Presidente dos sobres. Presidente en tempos revoltos, en tempos de tarxetas negras, e bancos malos. De operacións púnicas e mordazas disfrazadas de lei. E de emigración. De sangría. Dunha xeración que marchamos coa vista posta adiante pero o corazón sempre na Terra. Unha Terra que esmorece, con sectores como o gandeiro ou o mar loitando por sobrevivir en contra do seu goberno.

Pero cando fas algo ben, Mariano, hai que agradecercho. É certo, éme difícil porque tampouco esquezo todo o resto; ti e o teu podre partido desprezastes a todo un país, comezastes o desmantelamento do que debe ser o máis sagrado e unha das poucas cousas das que aínda podemos presumir os que nos atopamos, en parte grazas a vós, no estranxeiro: a Sanidade Pública. Queredes rematar con ela non por motivos de “xestión”, nin por inoperancia,  senón ideolóxicos, e incluso monetarios. Convenvos, vaivos mellor, aos da vosa clase. Pero iso non quita que non che poida dar as grazas por iso outro, Rajoy.

Que si, xa o sei, tamén queredes rebaixar o nivel educativo e empeorastes as condicións laborais de todos os traballadores públicos, comezando por persoal sanitario e mestres, co que iso significa para a maioría cidadá. E si, defendestes leis inxustas e intolerábeis como a lei hipotecaria que deixou a tantas familias, a tanta xente sen casa nun país con tantas casas sen xente. Non quita, non, que non che poida agradecer isto outro.

Si, sei, tamén, que freastes algo tan vital para o noso futuro como o desenvolvemento das enerxías renovábeis, poñendo un imposto ao Sol, penalizando a quen decidiu dar o paso cara o autoabastecemento nun mundo cuxos principais problemas de hoxe e do futuro teñen e terán moito que ver coa crise do petróleo. Mais ensináronme a ser educado e agradecido, e isto outro non podo máis que recoñecercho. Si, si, xa... non só non remataches co paro, senón que deixas un país empobrecido e a unha clase traballadora con menos dereitos laborais. Xunto co outro partido do rexime modificastes a Constitución nun viravira e sen votos, para poñer a austeridade por riba da xente. E queda por saber canto fixestes desaparecer do peto das pensións nestes últimos anos.

Mais dígocho, Rajoy, dígocho. Grazas. Grazas porque despois duns anos se poder facelo, este Nadal vén para min cun regalo por adiantado. Agradézocho, que fixaras o 20 de Decembro como a data electoral. Xa sei, home, que non o fixeches para min, non son tal iluso! Pero eu vou poder votar, con v e tamén con b. Votarei con estas cousas que non esquezo na mente, e tantas outras que darían para un libro no canto dun pequeno texto.


Mais tamén cas ilusións que recobraron forza no pasado Maio. Cun sorriso. Votarei para que non volvades, nin de cor azul nin de cor laranxa. Votarei para que Galiza estea presente nun novo tempo, no que os presidentes de plasma sexan pasado, no que se lle dea volta á austeridade. Que comece un xiro desde o sul de Europa para recobrar o poder da cidadanía fronte o poder da oligarquía. Porque hai que ter claro que se Europa non muda nos vindeiros anos as cousas seguirán polo mesmo camiño. Unha Unión máis unión e menos troika. E aquí, un tempo no que se recoñeza o obvio; a plurinacionalidade, o dereito a decidir, e mais tamén o dereito irrenunciábel da nosa sociedade a unha sanidade e ensino públicos, universais, e de calidade. De vivir e traballar na terra! Que se persiga a fraude fiscal, a de verdade, de verdade. E que contribúan un chisco máis os que poden e deben facelo. Merecemos outros políticos, xa non digo perfectos, pero polo menos si xente decente cun mínimo sentido da ética. 

Polo tanto, si, grazas. Grazas, Mariano, por permitir que o vindeiro 20 de Decembro teña o pracer de sorrir ao votar, imaxinando un futuro mellor para o meu país. 


ÓSCAR PARDO-PLANAS

Imaxes: Facebook persoal de Óscar Pardo-Planas, web 20minutos, web La voz de Galicia, Masaendefensasanidadpublica.wordpress.com, ecuanime.es

Ningún comentario: