1 de dec. de 2015

RECOMEZAMOS

No último Albariño, vendo un home cunha vida plena a tantos niveis e tan feliz, era difícil imaxinar que un par de meses despois iamos ter que acostumarnos a vivir sen el.

Non vos minto se vos digo que ser fillo de Chon era ben fácil, un pai sempre disposto a todo polos seus fillos, un pai atento, un pai que puxo todo o necesario a nosa disposición para que a nosa vida fose pouco menos que un camiño de rosas.

Realmente a decisión que tomei de continuar con esta bitácora, non foi unha decisión en si mesma, máis ben foi unha obriga de fillo... como se no momento do seu pasamento adquirira unha débeda co pobo de Cambados.

Dende outro punto de vista pódese dicir que algunhas persoas cando morren deixan en herdanza as súas familias: casas, coches, motos, barcos... No caso do meu pai a parte de todo o inmaterial que nos deixou, deixounos algo de moito máis valor que os bens que enumeraba... un legado en forma Blog, que é un referente na Rede Cambadesa. E o igual que a xente vive nas casas, conduce os coches e motos ou traballa e navega nos barcos que herda, eu, e tamén a miña familia, considerámonos no deber de continuar con este legado.

Imos a levar a cabo a tarefa tendo na cabeza e no corazón todo aquilo no que el cría e todo aquilo que el defendía: os valores da tradición e a cultura galega, o seu Cambados do cambio polo que tanto loitou e que polo menos tivo a oportunidade de ver, a loita por todas aquelas causas que a maioría dan por perdidas e... A FESTA... creo que a todos nos é imposibel pensar no meu pai sen telo relacionado con algún tipo de celebración.
Para rematar dicir que nas vindeiras semanas iremos dando a coñecer os diferentes colaboradores cos que imos contar e recordarvos que o fin último deste blog será o que sempre foi... remover conciencias sen intentar adoutrinar a ninguén.

Imaxes: A ti meu Cambados, Perfil de Facebook persoal e perfil de Xironsa en Facebook.
Música: Ama, ama, ama y ensancha el alma de Extremoduro

2 comentarios:

Unknown dixo...

Noraboa rapaz el sentirase moi feliz

Nano O Grove dixo...

Adiante, con forza, como a él lle apetecía, como él sabía facer. Unha aperta meca.