21 de maio de 2019

UNHA MIRADA FEMINISTA, UNHA MIRADA DE IGUALDADE. Un artigo de Mariña Charlín


Non cabe dúbida que estes últimos anos foron cruciais para a loita feminista, foron anos que a moitas de nós nos fixeron reflexionar, pensar o por que de todo isto e sobre todo a urxencia de cambialo.

Quero comezar este artigo facendo unha aclaración do que é o feminismo a través das palabras de Nuria Varela no seu libro “Feminismo para principiantes”:
"El feminismo es un discurso político que se basa en la justicia. El feminismo es una teoría y práctica política articulada por mujeres que tras analizar la realidad en la que viven toman conciencia de las discriminaciones que sufren por la única razón de ser mujeres y deciden organizarse para acabar con ellas, para cambiar la sociedad. Partiendo de esa realidad, el feminismo se articula como filosofía política y, al mismo tiempo, como movimiento social. Con tres siglos de historia a sus espaldas, ha habido épocas en las que ha sido mas teoría política y otras, como el Sufragismo, donde el énfasis estuvo puesto en el movimiento social"
Tras facer unha aclaración do que é o feminismo, queda tamén claro que con isto non buscamos ser superiores a ninguén, buscamos que nos traten como iguais, que non por ser mulleres, non teñamos os mesmo dereitos. Simone de Beauvoir relátanos no seu libro “El segundo sexo” que non somos esencialmente homes, ou esencialmente mulleres, ou esencialmente nada. Somos en tanto que existimos e tomamos decisións que nos constrúen como seres humanos e que marcan un destino e unha vida, e que polo tanto se se nos priva de elixir o noso destino, estásenos privando dese “ser”, e dese “existir”. Con isto chegamos a afirmación de Beauvoir “no se nace mujer, se llega a serlo”, con outra palabras, o ser muller é un constructo social e cultural, ser o que se nos supón que temos que ser por ser mulleres e iso, é o que pretendemos romper, reconquistar a nosa propia identidade baixo os nosos criterios e non baixo criterios patriarcais.




Estamos fartas porque estamos cheas de tantas inxustizas. Estou farta de chegar cada día a casa e ter que avisar as miñas amigas cun “nenas, xa na casa, todo ben” e ter que correr polos caleixóns de Triana para chegar á porta da casa porque son das que pensaba “estamos en Cambados, que malo nos vai pasar aquí?” ata que pasou. Farta de escoitar criticas entre nós, as mulleres, non vedes que é o que queren? Que sintamos odio entre nós, e non cariño, e non solidariedade.

Non me abras a porta, teño mans para abrila por min mesma; non lle des a conta ao meu marido, igual son eu a que invita a cear esta vez; non me repitas xamais “déixame a min, que ti non sabes”; non son a moza de, a irmá de, a filla de, teño nome propio; non me deixes entrar gratis nunha discoteca para ter a dez tíos babeando detrás; déixame tamén cederche o paso; no meu uniforme tamén quero pantalóns; deixade de colorear as páxinas de xoguetes de azul e rosa; ninguén e unha “nenaza”; os nenos tamén choran; “podo falar co teu xefe?”, “a xefa son eu”; non teño que levar o teu apelido tendo o meu propio; non ten que ser a túa nai, a túa avoa ou a túa tía a que se levante a recoller ao rematar cada cea de Nadal, sabemos que o teito é de cristal pero isto non significa que non se poida romper. Estamos no século XXI e isto non ten cabida nel.




Moitas son as noticias en relación a este tema que nos fan retroceder a pasos de xigante, as que parecen que nos evolucionamos, pero tamén penso que hai outras que medran cada día. A nosa loita, unha delas, chega cada 8 de marzo onde enchemos as rúas, paramos o mundo porque nos paramos e gritamos ata deixarnos a gorxa polos nosos dereitos, por deixar de ser escravas de este réxime social ao que estamos sometidas. Porque como di Amelia Valcárcel: "Nada nos han regalado y nada les debemos. [...] Ya que hemos llegado a divisar primero, y a pisar después, la piel de la libertad, no nos vamos".

Aquí en Cambados, a día de hoxe estamos a vivir un espertar feminista, onde as mulleres de tódalas idades están a compartir experiencias e a gañar nunha perspectiva de feminismo e igualdade que nos fai a todxs mellores. A vangarda deste movemento está a asociación A Naiciña, da que forma parte miña nai, cousa que me enche de orgullo.




Falta moito por percorrer e probablemente un dos campos máis importantes onde debemos facelo é o do deporte, xa que é un dos que máis visibilidade ten e onde é responsabilidade de todos, e principalmente das institucións municipais, potenciar o deporte en feminino e darlle todo o protagonismo que lle foi roubado, tanto no deporte base como no senior, todo este tempo.



Para rematar dicir que debemos estar orgullosas da nosa forza de espírito á que chamamos feminismo porque somos as herdeiras de moitas mulleres loitadoras que foron ridiculizadas, atacadas e asasinadas por construír unha ideoloxía igualitaria que so nos fai enriquecer. Como sinala Nuria Varela, levamos a nosa lanterna con orgullo porque a súa luz danos a liberdade e a dignidade que xa fai demasiado tempo que nos roubaron en detrimento dun mundo que sen nós non pode considerarse humano.

E a pregunta a todo isto é: Por que nós? Cal e a razón? Cal e o fin? Cuestionádevos todos os valores ben vistos a través dunha mirada patriarcal e cambiade a vosa mirada. Invítovos a reflexionar a todxs, invítovos a poñer as gafas violetas e a comezar a ver o mundo a través dunha mirada feminista, dunha mirada de igualdade.


Ningún comentario: