Semana importante para os Cambadeses xa que a nosa historia vai a ser a
protagonista na casa de Galicia en Madrid. No acto presentaranse diferentes
libros publicados nos últimos anos para recuperar a historia da nosa vila.
O acto contará coa presenza dos cambadeses Francisco Fernández Rei (catedrático
da USC e membro da RAG) e Fátima Abal (alcaldesa de Cambados) e estarán tamén
presidindo o acto: Jose María Pérez “Peridis” (arquitecto, humorista e
escritor), Javier García Fernández (Subsecretario de Cultura) e Alejandro Tiana
Ferrer (Secretario de Estado de Educación e F.P.).
No acto presentaranse obras que recollen a historia de institucións locais, ben presentes na memoria colectiva como: A banda de Música de Castrelo (1990, 2000, 2015), A Xuventude (2009), O Pósito (2017), A Escola do Convento (2019). Noutras fanse estudios biográficos sobre cambadeses senlleiros: Cabanillas (2009), Asorey (2018). Tamén se presentan recompilacións de fotografías antigas: Cambados dos tempos idos (s.d.), Cambados, século XX (2000), Cambados cen anos a través da fotografía (2005), A memoria de Cambados, Álbum de postais (2005).
O patrimonio cultural e a orixe histórica do actual municipio son obxecto
do estudo exhaustivo: A torre e a sombra (2018) ou das
síntesis monográficas: O mar en Cambados (2001), A
Segunda República en Cmabados (2004), O cine en Cambados
(2009), Breve historia de Cambados (2017).
Outras iniciativas destacables son as que tratan de recuperar recordos
persoais a través de entrevistas: A memoria das palabras (2018), ou de
sacar á luz informacións longo tempo ocultadas: A represión franquista en
Cambados (2019).
Tamén levan o selo do patrocinio municipal algúns dos encomiables esforzos da
fundación Plácido Castro co fin de recuperar a figura intelectual e política
deste políglota, cambadés de adopción.
Finalmente débense subliñar a prometedora revista cultural presentada este
ano: Cen
follas de Artes e letras (2019-) e a veterana publicación anual: Open
Internacional de Xadrez Albariño, que leva trinta e cinco anos
recollendo estudos e achegas históricas de interese local.
O conxunto destas iniciativas, combinando fontes escritas e orais, das que
se presenta unha escolleita na Casa de Galicia en Madrid, merece ser salientado
e difundido como exemplo do valor da microhistoria na historiografía contemporánea.
Ningún comentario:
Publicar un comentario