20 de abr. de 2012

A CAMBADESA CARLOTA BUGALLO CACABELOS LICENCIOSE EN MEDICINA. AGORA A POLO MIR.

A Cambadesa Carlota Bugallo Cacabelos, nacida no seu dunha familia humilde e traballadora, acabase de licenciar como médico na Universidade de Santiago. Carlota e filla de Eloy “O Loino”  de profesión músico e de Carmela “a de Segundo” de Corvillón. Foi un acto multitudinario e, sen embargo, moi familiar. Cheo de sorrisos, chiscadelas e emocións. Moitas emocións. A promoción de alumnos de medicina 2006-2012 celebrou o seu acto de licenciatura arroupada polos seus padriños, os profesores Juan Navarro e
Ángel Carracedo, e por preto de 1.500 persoas que lles son moi cercanas, as máis cercanas.
Son, iso din todos, os mellores. Os seus expedientes rozan a perfección e, ademais, son alegres e unidos e espallan ilusión. Así os describen os seus mentores, que os alentan para que presuman da universidade que os formou, a USC, e que se mostran felices por poder traballar cunha 'materia prima' de tanta calidade. Agora xa son novos médicos.
O gran día para a promoción 2006-2012 dos estudantes de medicina da USC empezou pola mañá na Catedral compostelana, cunha misa que comezou ás 10:30 e que oficiou o deán, José María Díaz, nunha basílica chea na que, unha vez máis, se viviron momentos máxicos co voo do botafumeiro. Despois, a foto de familia. Estaba previsto facela nas escaleiras da Quintana, como sempre, pero nesta ocasión houbo que buscar outro lugar, cuberto, porque chovía. A alternativa foi a propia Facultade de medicina.
Algúns familiares dos novos médicos preguntábanse, ao ver o vestíbulo e as escaleiras, se caberían alí as preto de 300 persoas daquel ilusionado censo de novos facultativos. E o certo foi que non, que non couberon, pero ata que os fotógrafos se deron conta pasaron bastantes minutos de parsimoniosa colocación, mesmo ardua, e de ver como o grupo, cada vez máis apretado, ía medrando máis e máis e máis. E é que 300 persoas, para depende que ou para depende onde, son moitísimas.
Formouse un caótico balbordo, alegre e despreocupado, construído de mil conversas apuradas e mil risas espontáneas. O persoal, á espera da foto que non chegaba, estaba de punto en blanco, elegante como merecía a ocasión. Coidadísimos conxuntos, vestidos e complementos. Máis e máis tempo de pé. Os zapatos, de tacóns infinitos, empezaron a deixarse sentir, malamente, claro. Apareceu a impaciencia. Os reloxios empezaron a fumear de tanto que se miraban, e ante os requerimentos cada vez máis insistentes e persuasivos dos mozos e mozas, o fotógrafo, que non debía ter prevista aquela contixencia, foi claro: se facemos a foto desde diante, non saen os de abaixo, e se a facemos desde atrás, non saen os de arriba. Finalmente, acudiuse á sabedoría salomonica e a unidade dividiuse en dous. Dous grupos e dúas fotos, a do grupo 1 e a do grupo 2. Todo ten solución.
Con algo de retraso, todo o mundo foi indo para o Pazo de Congresos, en San Lázaro, e aí puidemos constatar o alcance do evento: un señor evento. Arredor de 1.500 persoas ateigaban o pazo e, sen embargo, alí si que todo marchou sobre rodas. Alumnos e profesores entraron ao salón por unha porta, familiares e amigos por outra e, case sen pensar, estaba todo aquel xentío acomodado. De contado, empezaron as esperadas intervencións.
Os primeiros en falar, os padriños da promoción: Navarro e Carracedo, Carracedo e Navarro, estiveron brillantes. Entenderon perfectamente que o seu era o papel da emoción, do agarimo, da cercanía e da aperta irmá -do irmán maior, se entende-. Juan Navarro fixo notar, apoiándose en datos de esperanza de vida e de mortalidade, que a medicina que se fai na nosa terra é dunha moi alta calidade, ata o punto de situarse entre as primeiras do mundo. Gracias ao esforzo de moitos e aínda con menos gasto que noutros países. "Ese é o voso regalo", díxolles aos novos facultativos. O coñecemento, o prestixio e a boa praxe. Nada menos.
Tamén aludiu ao paro, para enviar unha mensaxe de optimismo, porque de novo os datos demostran que as persoas con formación universitaria encontran traballo, e bastante rápido, nunha altísima porcentaxe. O máis entrañable sacouno Navarro, unha vez máis, do corazón. As súas palabras saíron precisas e chegaron directas: "O tempo faravos máis eficaces, máis sabios, pero se fora posible, só se fora posible, non cambiedes nunca".
Ángel Carracedo, o outro padriño, mostrouse moi agradecido e confesou que ningún premio lle pode facer tanta ilusión como apadriñar unha promoción que, insiste, e niso coinciden moitos, é unha das mellores que pariu a Facultade de Medicina da USC. Aínda que el escapou da grandilocuencia para definilos: "máis que listos, sodes estudosos", dixo amparándose nese case sorriso que regala xeneroso.
Nun alarde de humildade e de empatía con todo aquel público que ateigaba o inmenso local, Carracedo deixou voar pola sala a súa condición de pai. "Os pais", e sabía que se dirixía ao groso da xente que alí sentía, "sodes unha boa parte do éxito destes rapaces". Nese momento a luciña do orgullo brillaba en moitos ollos, e aínda ampliada polo efecto dalgunha bagoíña rebelde. E seguiu Carracedo polo vieiro máis humano, esta vez falándolle aos alumnos xa médicos. "Recordade que o doente é unha persoa única e irrepetible, que merece todo o noso respecto e cariño". Que máis se pode dicir.
Unha das alumnas, en representación do resto, tamén lanzou un discurso en tono informal que resultou moi descriptivo e ameno. Finta Abella Otero non regateou o eloxio aos seus padriños, aos que se ve de lonxe que todos veneran, e recordou momentos memorables "impregnados en formol". Pasou revista pola actividade e as anécdotas de diversos profesores, das dificultades do estudo, deulles as grazas a nais e pais e mesmo lles pediu perdón polos momentos de agobio. Desmitificou a suposta competitividade inhumana que supostamente habita nos campus. Segundo ela, non hai tal: "Levámonos todos moi ben", dixo para engadir de contado "pero que ninguén me quite a praza MIR". 
Os discursos do decano, Gestal Otero, e do rector Casares Long, que presidiron o acto, escoráronse, como era lóxico, cara ao lado institucional. Recordatorio da antigüidade secular da USC e da Facultade de Medicina, defensa do afán investigador da universidade, dos seus profesores, da súa actividade, e solicitude de financiamento para que non decaia unha institución necesaria na resolución dos críticos problemas da sociedade actual. Piden que se adapte o número de prazas ao número de alumnos, para non frustar outra xeración e que non haxa profesionais tan cualificados sen poder traballar. "Porque un médico está formado para ser médico", sentenciou Gestal. E un anuncio: moi pronto, en Medicina haberá alumnos de sexto curso facendo prácticas como internos residentes, o que se chama o MIR cero. 
Durante o acto proxectouse un espectacular vídeo musical realizado por alumnos e mestres que, de xeito vertixinoso, repasa as diferentes fases da vida do estudante. Alegre, bullangueiro e contaxioso como un dos virus que terán que combater. Un luxo. E a celebración non acabou aí. Pola noite, cea multitudinaria e festa ata altas horas da madrugada. Xa pola mañá do xoves, desprazamento ás aulas da facultade para cumprir coa tradición do 'rebentón', que segundo explican, consiste en invadir, interromper e deter as clases dos alumnos de primeiro curso entre bromas que parecen serias.
Nese momento, e isto é algo que aventura este que escribe, cando cumprindo a tradición os agora xa médicos estean nas aulas dos novatos para rebentar as clases e revivan o momento que eles mesmos pasaron hai non tantos anos, nin sequera o cansanzo acumulado tras longas horas de emocións e de risas poderá impedir que agrome neles a conciencia de algo que lles resultará sorprendente: xa empezaron a volver a vista atrás. E nos rostros dos novicios veran retratados os seus propios rostros, e distinguirán tamén neses rostros que empezan, talvez, o retrato dun tempo moi especial que, agora si, escapa. Para non volver.


Para unha mellor navegación por este blog  usa o navegador GOOGLE CHROME. Descarga GOOGLE CHROME premendo AQUÍ.

1 comentario:

quixota dixo...

Noraboa Carlota!!! Moitos parabéns. Orgullosísima e fachemdosa de ter sido, nalgún momento xa lonxano mestra túa. Un bicazo, e...a polo MIR que ti podes!