15 de abr. de 2013

AS OBRAS DO SACO DE FEFIÑANS, O MELLOR EXEMPLO DE DESPILFARRO

POR VICTOR CAAMAÑO
Estamos a vivir un  durísimo momento de crise económica, onde os cidadáns están a mostrar diariamente  a súa gran preocupación polos
desorbitados datos do paro que, no Salnés, chegan a extremos impensables hai uns anos (un de cada tres traballadores/as da comarca está no paro). Mentres isto ocorre, os gobernantes do PP de Cambados, seguen practicando unha política electoralista e pensando neles mesmos. Así consideran que actualmente o prioritario é a construción das comportas do Saco de Fefiñáns.
Actualmente, os políticos do PP non pensan en construír o prometido centro de día, non pensan arranxar a comprometida e anegada pista cuberta do colexio Magariños ou cambiar o seu tellado; non. Agora que non hai cartos para  necesidades sociais, sanitarias ou educativas, o PP vai a gastar medio millón de euros na construción dunhas comportas no Saco de Fefiñáns. Resulta difícil encontrar actualmente un mellor exemplo de despilfarro. 
Con esta promesa, o PP quere darnos unha mostra do que é comezar a casa polo tellado. O problema é que os cartos para construír ese tellado sairán dos nosos  impostos, que non é pouco o que pagamos, e que queremos que sexan ben utilizados e non despilfarrados nos caprichos electorais do PP. 
Non ten sentido gastar medio millón de euros nunha obra que, segundo o PP, non entraría en funcionamento ata que o Saco estea saneado e volva a estar considerado como banco marisqueiro zona B (recordemos que no ano 2010 perdeu esta categoría para ter a consideración actual des zona C). Porque o razoable sería facer primeiro o saneamento da zona, despois a recuperación do banco marisqueiro e finalmente cando sexa novamente considerado  zona B, falar das comportas. O que significa, polo tanto, que o PP vai facer unha obra que non se poderá poñer en funcionamento ata dentro de moitos anos ou que, tamén é posible, a poñan en funcionamento pasando por riba dos intereses das mariscadoras e do sentido común. Porque todos e todas sabemos que realmente o PP non plantexou o proxecto das comportas pensando nas mariscadoras senón non seus intereses, que son outros ben distintos.
Ademais, parece mentira que en pleno século XXI, se faga unha obra deste calado (segundo o Presidente de Portos de Galiza é unha obra de gran complexidade) sen máis aval técnico que a opinión de Aragunde e Tourís e que, o BNG considera, non son “técnicos” de fiar. Ámbolos dous falan de crear un viveiro para a cría de molusco, no Saco, como se falaran de construír un invernadoiro no Pinal de Maza. Así, as declaración do Presidente de Portos con respecto á complexidade desta obra son moi significativas e semellan indicar que con respecto ás consecuencias que teña no futuro sobre o marisqueo no Saco, el “lávase as mans”; a outros semella que lles da igual.
UN ARTIGO DE VICTOR CAAMAÑO

1 comentario:

MANUEL dixo...

Non se pode alterar o comportamento natural de unha zona que xa está mais que desfeita pola capacidade intelectual dos políticos de turno cando fixeron o espigón de acceso a Tragove e a cantidade de problemas que esto acarrexou coas correntes, fangos e demais só por non facer unha ponte no lugar dun malacó coma acceso o porto. Se está a poñer por riba de todo a placa cos nomes e as enchentas, non hai dereito que teñamos a xente de este calibre representándo o pobo de Cambados cando si se fai un seguemento os problemas acuciantes non chegarían os cartos dos presupostos para paliar unha mínima parte. Sempre vendendo FUME pero queimando a leña de TODOS.¡¡¡VIVA O PINAL DE MAZA!!!