14 de abr. de 2021

Entrevistamos á xente de Luscofusco

 A continuación reproducimos a entrevista mantida coa xente de Luscofusco.

 

 

A Ti Meu Cambados - Quenes sodes e como xurdiu o proxecto?

Luscofusco - Somos Rubén e Mariña. Fai pouco máis dun ano xurdiu a idea de facer un lámpada por motivo dun regalo. Co tempo comezouse  a experimentar, deseñar, crear, e a idea de facer isto, o que realmente nos gustaba, dounos pé a iniciar un proxecto. Despois dun ano, con moito traballo, pouco tempo, unha pandemia mundial de por medio e unha ilusión inmensa, nace isto. 

ATMC - Por que Luscofusco?     

L - Queríamos que todo isto tivera sentido. Como ben cita a Real Academia Galega o Luscofusco é o “momento entre o día e a noite, en que a luz desapareceu case por completo e as cousas se perciben como sombras”. Ao final isto é o que queremos, crear luz cando o demais se convirte en sombra. 

ATMC - Que ofrecedes?

L - Non queremos establecernos nun punto fixo, queremos ser libres de crear e innovar. Aportar cousas novas con deseños propios e sostibles. Din que todo está inventado, que non é posible facer algo novo, pero nós queremos intentalo. Queremos ofrecer pezas únicas, de calidade e con unha historia tras elas. 


ATMC - Pensades que a sostibilidade é importante neste tempos?

L - Parécenos algo moi importante, por iso tamén presentamos isto dentro da nosa identidade. Nos tempos que corren fabrícanse miles de obxectos novos cada día e pensamos “por que comezar a facer calquera obxecto desde cero cando hai milleiros de cousas ao noso redor que poden ser aproveitadas?”. O que queremos e conservar materiais xa feitos, sen esgotar recursos ou causar dano ao medio ambiente; dándolle unha segunda vida. 

ATMC - Cal é o voso lema?

“Feito a man”. É un concepto que parece que co tempo perdeu certa importancia. Hoxe en día todo o que pode ser mecanizado faise como tal, por ese mesmo motivo, o “feito a man” gaña máis sentido e valor que nunca.

Todas as nosas lámpadas, son feitas a man ata o último detalle. Os modelos son diversos, por iso cada un require dun facer e traballo distinto. Moitas delas a pesar de ser o mesmo exemplar, a simple razón de ser “feita a man”, fai que non haxa outra como ela.

Quizá moitos pensen que isto é unha forma de “imperfeccionar” o traballo, pero realmente é a forma de facelo único.

Por que non hai nada como o “feito a man” e iso, é o máis feitiño.

 

 

Podedes ver todos os seus deseños e poñeres en contacto con eles dende o seu instagram, páxina de Facebook ou correo electrónico:

Instagram: @luscofusco.lighting

Páxina de Facebook: Luscofusco / @luscofusco.lighting

Correo Electrónico: luscofuscolighting@gmail.com

4 de abr. de 2021

O AXEXO DO DÍA. Por Xan Galbán

 


DOUS HOMES DE DEREITAS, E UN DA REPÚBLICA DE VICHÍ.

Xa hai anos, nos finais da Ditadura franquista, alá polo ano 70, tivemos a honra de  acoller uns días ao Xeneral De Gaulle, xefe de Estado da República francesa, nacida despois da Segunda Guerra Mundial, despois de derrotar ao fascismo invasor alemán, da patria da liberdade, da igualdade e da fraternidade. Á fronte da resistencia, dende Gran Bretaña,  un xeneral do  exército que non aceptou esa división  do territorio pátrio en dúas administracións directamente gobernada polo exército alemán, con capital en París, e outra teledirixida polos xermanos, con capital en Vichí.

De Gaulle, un home de dereitas  con fortes conviccións democráticas, decidiu non lles dar chance ao fascismo , e menos se  os invadían outro pobo, inimigo ancestral dos francófonos e polo tanto loitaría até gañar a guerra con aqueles compatriotas defensores da liberdade por moi formal que fose como os comunistas, os socialistas e a dereita liberal. Os outros, os que non lles incomodaba ningún goberno do nacional-socialismo  alemán, que aprobaran leis antisemitas antes que mesmo a República de Weimar, estaban a gusto, como o fundador da Renault. Haiche sempre na burguesía, nas transnacionais unha visión de toupa do inmediato en política.

Este gran home, despois de tantos éxitos, decidiu descansar nos derradeiros anos de vida, e incluír nas pequenas viaxes culturais á Vila de Cambados ,daquela  xa con Parador. Disque quería vir ao Salnés  buscando as orixes celtas das que proviña o Galo e pensou ben xa que foron os romanos, despois de colonizar a Galia, os que denominaron a este cacho do mundo  Gallaequia polo parello dos lugares e xentes que o habitaban.

Logo temos a Leopoldo


Leopoldo López pertence a esa xeración nova de representantes conservadores latinoamericanos que á lumieira  do neoliberalismo mais Trumpista axitan ás masas populares na contra de gobernos  de diferente cor, pero contrarios todos eles ás ordes dirixidas pola política de Washington. Non vou escurrir o bulto co goberno de Maduro, pueril e corrupto como o que mais...mais para lles facer fronte non vale calquera. Primeiro non mentir. Os gobernos de Venezuela, da Venezuela que viviu do Petróleo, dos seus recursos seica inmensos, gobernados por unha oligarquía de dereitas, onde todo o pagaba o ouro negro, onde o cidadán vivía sen pagar impostos con todos os servizos modernos dunha nación do primeiro mundo, onde non se aforraba, onde non se planificaba nada, onde se facer rico en pouco tempo era do mais fácil, dou como consecuencia o Estado actual da nación caribeña. Foron as políticas dos Leopoldistas os que levaron á situación actual, logo non poden ser a solución e por iso ao López non lle queda mais remedio que mentir. Maduro non deixa de seren un tipo que se aproveitou dos erros do pasado, cunha oposición do pasado.

Agora non pode vir a Europa como libertador de nada, por que nada liberou, mais que representare  coma un títere dos intereses de Estado de España. A España válelle calquera dos dous enfrentados

E agora Sres e Sras quédanos o da agua de Vichí, o da capital do turismo de balneario francesa, non da catalana, que os cataláns nada teñen a ver nesto. Traballadoriños eles en crear industria con fortes raigames culturáis coma os De Gaulle, defendidas nas Cortes do Estado por partidos políticos   cun claro marchamo nacional catalán. Non. Eu falo do Pp de Cambados, do PP de Feijoo, do de Tourís, do de Ribadumia, que ao abrigo do poder, medraron no persoal sen antes coñecerlle empresa algunha de consideración, de apousentar as bases para unha industrialización ordenada no territorio galego, non como na época Fraga, con chiringuitos de Alcaldes de turno, en polígonos industriais dependendo da cor do Conselleiro, sen servizos básicos que, coma o de Cambados, que logo ten que ser a "ezquerdallada" quen os dote.

Afirma Luis Aragunde "El ex Sisí" que Leopoldo veu a Cambados e o concelleiro de tráfico" fixo un circo". Téñenlle inquina a oposición ao circo. Tino Cordal, o único que fixo foi cumprir a lei de Feijoo. A policía local, o único que fixo foi tomar nota, o taberneiro, o único que fixo foi venderlle o mellor das nosas rías. Luis o único que fixo foi mexar fora do testo para non variar. Médranlle os ananos coma no libro de Celso Emilio Ferreiro despois da viaxe a Venezuela nos sesentas. 

A dereita europea que Cambados precisa, que Galiza necesita, índa non naceu. Ao mellor nace en Palacaguita a próxima. Ou como en Ourense, cidade balneario por excelencia, ten o ex onde se mirar. Todo PODE ser.


21 de mar. de 2021

O AXEXO DO DÍA. Por Xan Galbán

 


SENSIBILIDADE

Cadaquen ten a súa. Así, haiche persoal que pasa cada día diante dun lar, dunha finca, dun solar e ve un can atado eternamente a unha cadea, onde os cuadrúpedos conquerirán arrancar ao chan unha fosa tal cual de Castelo de xenreira  humana pagada co can, ou quen asiste a unha imaxe do cotián sen maior valoración.

Hainos quenes pasan pola vida sen maior preocupación que a de vivires sen ningunha atadura a nada que os comprometa, empatizando só con aquelas causas ben cercanas coma unha enfermidade dun achegado, e quen olla para o conxunto dunha defensa da sanidade pública e de calidade para todos.

Mesmo acabamos de escoitar no Parlamento, nas Cortes do Estado, tras unha intervención eloxiosa de Íñigo Errejón, en pleno circo parlamentar do pim-pan-pum, do inmediato, alonxados os representantes  das preocupacións reais dos representados, entre lameiras espúreas, preguntar o madrileño pola situación da saúde mental tan esquecida dende hai anos polas administracións de distinta cor, e que tanta dor producen. A resposta dende a bancada conservadora, dun Deputado sensibel exclusivamente á remuneración mensual foi: "Vete al médico" cosificando mais do que xá está na sociedade as enfermedades de índole mental. O dano está feito por moito que nun simples chío pida perdón. O perdón que llo pida ás institucións relixiosas en confesión, aos cidadáns debemos esixir responsabilidades. Estou seguro que o PP tomará cartas no asunto...ou non.


A sensibilidade, queridos leitores, depende de tantas variables que un logaritmo non chegaba nin  para iniciar a enrevesada masa encefálica única en cada un de nós. Así, os cambadeses da miña xeración lembramos as escalinatas da Igrexa de San Bieito con moito cariño. Aí temos fotos do casorio dos nosos pais, as fotos do Domingo de Ramos estreando roupa do trinque, por moito que lles dixeramos ás nosas nais que o pantalón picaba a chou, que non che gustaba o cínto, e entre esa cara de enfado, de ledicia ao novo, detrás aparecían sempre as pedras do Atrio que comunicaban co centro do mercado, como unha Ágora grega, como o púlpito mais democrático sen tutelaxe eclesiástico, como a altura máxima popular da praza, defendida á dereita por Balboas, en tanto á esquerda, por designación libre, sen academicismos, a muller de Balboas.

A sensibilidade de moitos cambades coa desaparición destas escadas fixo que se refaga agora, o dano causado por PATRIMONIO na longa noite de pedra dos anos sesentas.

A historia de séculos  da Praza  de Fefiñáns vaise reparar agora. Lembro á comparsa Unha Grande Chea esixir entre retrancas e verdadeiros anhelos a reparación da escalinata, como lembro a intervención daquela Deputado no Hórreo, Paco Trigo, á postre, fundamental para chegares a hoxe con éxito, meterlle unha trasacional ao PP  co voto favorabel destos pero sen presupostar a obra nin levala a cabo polos ciumes de Cores Tourís, que de sensibilidade nunca presumiu por carecer dela. Mesmo o Bipartito chegou a plantexarse a inmensa obra, misturando todo, rompéndolle a "cabesa a Balboas" para téla que afrontar agora, esperemos que definitivamente. Dá o mesmo, todos os cambadeses debemos  aledarnos ao final. Agás os que "la plaza no está limpia" "déjala tal como está" ou "eso faríao calquera" pero foron estos e non outros. Sensibilidade.

31 de xan. de 2021

O AXEXO DO DÍA. Por Xan Galbán


 O SALNÉS,UNHA COMARCA SEN ESTRUCTURAR

Non hai moito, no Concello de Meis, no alto do val do Salnés, apareceu nunha escavación arqueolóxica, a marmita ritual dos castrexos, esmagada supostamente polas sandalias do novo colonizador da área, os romanos. Rapidamente veu ao meu maxín as aventuras de Astérix e Obélix de Goscinny e Uderzo das que tanto disfrutei cando preadolescente na biblioteca do Colexio Salesianos de Cambados.

Os castros da comarca son ben deles, máis que en outras comarcas do país e parece que ben poboados. Tiñan  a organización do territorio ben pensada, cos Castros rodeados por balados defensivos en lugares estratéxicos e militares, campos de cultivos primixenios, con arbolado para as necesidades perentorias do día a día. Habíaos nos cumios altos do val, e os máis a rente do mar. Pero o novo imperio que entrou por terra e xa comerciaba por mar, crearon a vía barrosa -non é que antes ninguén viñera por aquí, o asentamento de Adina, en Sanxenxo, borrado por Cuíña Crespo, e as Sete Pías en Vilariño, borrado pola iñorancia e a especulación cambadesa, son exemplos do nomadismo precastrexo- para acarretar as mercancías dos derradeiros confíns do imperio. Ao Salnés, esencialmente chegaron por dúas materias primas que diron nome á comarca, o sal, e a vía que comezaba en Caldas de Reis e remataba en Meaño, o barro. Ladrillos e tellas para as novas cidades cuadriculares e con casas rectangulares saían dos barros e fornos na ensenada da desembocadura do Umia. Ata hoxe chega esta industria en Dena, inda que hoxe  son verdadeiramente almacéns. En todo caso, o ouro da época era o sal. O Grove e a  ensenada de novo, xunto co poder eclesiástico en Cambados e as naves cheas de ouro salgado na idade media  son claros exemplos da preindustrialización.

Daquela, ata mediados do Século XIX, case todo o transporte non era a terra o seu medio de distribución de materiais, senón a ría. Dende un buque nodriza anclado  no medio da ría saían dos diferentes portos pequenos de toda a costa, barcos, chamados Galeóns, pensados para entrar o máis dentro posible da praia, axudados polo vento arousán, para arramblar co material  o máis preto posible á terra. Xa sei, sóavos dos anos 80 do Século pasado. Non hai nada novo. O primeiro carcamán ou contrabandista datado foron os Mariño de lobeira de onde Castelao se inspirou para o novo blasón de Galiza.

Moito mudou a ría dende hai milenios, non só pola presenza humana, senón por que a tectónica de placas fai que Galiza se funda, sendo as rias baixas onde máis se intúe esta transformación da paisaxe. O glacial do Ulla, as terras asulagadas hoxe, do que foron terras de labradío dende Vilanova á illa da Arousa, dende Cambados ata O Grove, de Vilagarcía ata Cortegada. Todo muda, todo. Pero o maior cambio coa intervención do home dáse no século XX. O territorio vai estar máis humanizado ca nunca. A aparición do novo réxime capitalista en todo o Estado, máis tarde que nas nación veciñas e máis aínda en Galiza, agás os primeiros intentos da burguesía catalana coa transformación dos salgadoiros de peixe por Conserveiras, fan que entendamos o custo do avanzo do progreso. Así chegou o futuro en forma de locomotora ao Salnés, a Vilagarcía máis ben.

Tanto na ría norte coma na do sul, só chegaba o progreso do que falaba Curros Enríquez a un punto, Vilagarcía.

Hoxe, con todo o que pasou no século XX, mesmo agasallándolle a illa de Cortegada a Vila de Carril a El rei Alfonso XIII para que construíra un palacete de verán coa intención de traguer turismo e inversións á comarca, só trunfou o Grande Hotel da Toxa e o único Casino de xogo da comarca.

Mais foi o tren, as inversións no Porto de Vilagarcía, o que industrializou un pouco o val.

O demais, despois do desastre da guerra civil, escapando do control estatal en Vigo, cando apostaron as industrias conserveiras en todo o Salnés.

Con todo o que levo escrito, o Salnés segue a ser unha comarca viva, emprendedora, que rebasa os 100.000 habitantes, e outros tantos no Barbanza. A ría de Arousa segue a ser conxuntamente, unha grande cidade en Galiza, unha zona que se fixo a si mesma pese a todo. Pese a que un cambadés se quere ires á Arousa á illa, ten un autobús, só un autobús que "pasa" pola Arousa. Pese a que se tentou comarcalizar os servizos públicos, témolos duplicados. Que O Grove nunca foi tan istmo como o é agora. Segue alonxada de todo. Fíxose unha vía de alta capacidade a Sanxenxo para que os da Xunta chegaran antes ao chalet, cando se tería que chegar antes á Vilagarcía industrializada. Fanse as cousas pensando no político de turno, na contra de ter un concepto de país na "cachola". Xa só nos fai falla que alguén pida un aeroporto internacional ao carón da Illa da Toxa. Non entendemos que a eficiencia está en que un viaxeiro dende A Coruña ten que estar en Lavacolla en dez minutos nun tren que chegue directamente ao aeroprto, e nunha hora máximo dende Vigo.

O Salnés precisa coa máxima urxencia  dun transporte que una O Grove con Vilagarcía cada hora. Gañaríamos todos. Precisa que a ría non se contamine máis do que está. Aquí o PP debería responder, onde están as obras con fondos europeos para o saneamento? Non podemos construír en calquer lado, nin promover todos os sectores produtivos en todos os lugares.

Así, querido cidadán, non se vai máis que a perder todos os trens. A Xunta debería ser o máximo garante disto pero pérdese hai tempo en non gobernar, por que gobernar a curto prazo é perder votos. A longo, é a Gloria e ela, como o corno da abundancia hai que lle soprar moito e entre todos.

Tamén poderiamos cair na marmita sagrada de Meis, pero esto só lles está permitido aos grosos coma Luis, Xurxo ou eu.

13 de xan. de 2021

 

A FOLLIÑA DO LUNS, que sae a cuarta feira. Por Xan Galbán

EDITORIAL.ADEUS RAPACES.

DEICA,TRUMP

A historia autobiográfica de Louis Malle na película "Adeus rapaces" relátanos como un colexio  da burguesía parisiense na Franza ocupada, agocha uns adolescentes  xudeos coa complicidade do seu Director, que son atrapados polo delator, un axudante de cociña, da clase obreira, que, frente a unha  inxustiza cometida con el, decide revelar ás autoridades xermanas a existencia dos seguidores da estrela de Davide e ao seus colaboradores no recinto educacional relixioso levándose de paso un diñeiro e a palmada no lombo dos alemáns que acabarían cos detidos nos campos de concentración e exterminio.

Trump é o presidente dos Estados Unidos da América o segundo candidato con maior porcentaxe de votos nunhas eleccións libres frente ao gañador destas, Joe Biden, sendo o futuro presidente, o mais votado da historia. Non lle vale a Trump tal resultado. Todo trolas, toda unha montaxe do partido demócrata para gañar o poder con trampas no reconto de votos. Imaxinade se en Washington na contra de Trump  estivera presidenciado por un demócrata!

En Cambados, tan dados a imitar  os USA coma o fixera o Marinense Jhon Balan, estamos afeitos a asaltos, a protestar polos resultados municipais e a, se fai falla, asaltar o Parlamento da Rúa do Horreo compostelán. Non creades, o noso Donald non é Luis,non, chámase Cores Tourís. Soio valor, soio ante o perigo, impúxose aos policías do Parlamento con maioría do bipartito, cunha recuaxe de militantes do PP, conqueríndo ser Superdelegado de Feijoo, para mais tarde mandalo a Superdirector do Porto de Vilagarcía. Sempre hai un sitio para os valentes cando gozas de poder. O noso Trump non se enrruga, énchese.

O Luis, cando ocupou a entrada do Concello, soio defendía un espazo público, un espazo educativo sen que lle pasase unha estrada ao seu carón, á beira das fiestras das aulas, sen ser recibido polo Alcalde da época, con "amighos" con terras, con intereses. Luis díxolle  á Voz "paso da política" e o Alcalde Tirado, contestoulle "son manipulados pola oposición e o profesorado". Soubo o portavoz do estudantado que é unha trola, o que se chama agora, unha fakenews. Pero o noso futuro Alcalde, sabedor da importancia do liderado social, o Pp xa con Tourís en baixa e impopular, precisaban dun recambio xeracional, chamaron ao auxiliar de cociña da peli de Louis, e decidiuse. O traballo na privada é duro, pensaba axudar aos seus veciños, pero con trolas por enrriba da lei, durándolle o mandato catro anos. Foi o Alcalde do PP mais votado e o que perdeu a Alcaldía. Non hai fallo, o Pp sempre paga aos osados, agora a Deputación, logo o que sexa.

O asalto ao Concello do ano 86, propiciado por Ap, con altos nomes da Vila, o conflicto do Castelete, só serviron para apuntalar ao conservadurismo  na Vila do Albariño con interese económicos e inmobiliarios frente ás novas leis urbanas do solo no primeiro ,e o localismo mais reaccionario no segundo. Saben do que falo nas mulleres do mar.

Eu sempre estarei cos hai que protexer, co que hai que defender, o público. Nunca estarei cos que, coma Joshep, o axudante de cociña que, descuberto polo protagonista, o alter ego de Louis, espétalle: "non te preocupes ,non son mais ca xudeos".

MUNDO

O asalto ao Capitolio estadounidense, fixo famoso a un home disfrazado cun chapeu con cornos, cuberto de peles animais, e unha vez detido, na cárcere, esixe comida orgánica, polo que se pon en folga de fame. Mada carallo, só quedaba que fose vegano.

A GÁNDARA DE PEDRA

A luz eléctrica volve estar no "candelabro". Cando dependía da administración pública, xa se falaba de que: "es mais retorsido que unha factura da lus". Logo pasaron por elas, o carbón, Rodrigo Rato decidíndo aplazar a suba, e todas as portas xiratorias de moitos políticos de toda índole e cor. Que deixen ás enerxías renovables, coma en outros países europeos, a liberdade de teren a súa propia canle e imos ver. O qué imos ver é como asulagan mais aínda, a Galiza con novos encoros. Que veñen os coches eléctricos...

ISTMO-LOCAL.

"Por fin" acaba de pór Xurxo no seu muro de facebook. Cambados pasa a ser  correlativo  ás restrincións aos casos de COVID19. O dano xa está feito.

BREVES

1-O exército está para servir ao pobo. Dependen dun estamento chamado Parlamento, onde reside a soberanía da cidadanía. O seu máximo exponente é El Rei. Como para non vixialo e reorientar a lei. Xa non falo de referéndum.

2-Teremos vacinas antes de Xuño? e vacinados? eis a única salvación.

3-En Cambados sempre houbo sínicos,

30 de dec. de 2020

A FOLLIÑA DO LUNS, que sae a cuarta feira. Por Xan Galbán

EDITORIAL. A TEORÍA DO CAOS

Non é certo, nestes tempos  de, máis que revolución, revolto de patacas, "a canto mais pior, mellor". Ese axioma da vella esquerda mudou. Canto pior, pior para os que mais padecen .

A realidade deste ano do COVID19 foiche ben dura para os sectores da economía real, tanto produtiva coma esencialmente a de servizos, destacando a desfeita da hostalaría.

Hai outro axioma, "se nos obrigan a pechar, que paguen". Ben certo é que, tendo razón a priori, non é menos certo que os Estados da Unión europea dependen dos recursos que teñen, dos impostos recaudatorios necesarios. Eso que agora chaman "músculo".

Así Alemaña basea o potencial de seu, na industria, Franza, nas exportacións industriais punteiras, Noruega, na capacidade petrolífera, Italia, na riqueza do seu Norte rico coma el só, etc... e Spaña? esa Spaña que lles enche a boca á dereita patriótica? pois sálvase polo turismo, polas divisas que xenera o turismo, ese mesmo sector que mais atacou o virus. A capacidade recaudatoria, o colchón que se utilizou na época dos homes de negro, cando gobernaba M. Rajoy non se pode utilizar agora por razóns obvias.

Mais inda así a dereita Spañola e a local cambadesa en concreto, xogan a enmerdar todo o que poden. Confunde que "a río revolto...". Penoso, pero certo.

Así temos un goberno socialista-comunista en Madrid -xa quixeran moitos- que a axuda máis importante ao sector hostaleiro ven dada polos ERTEs esperando polos cartos de Bruselas por que o músculo é o que hai. Nada de la gran España. Temos a un goberno da Xunta que non goberna -para que  se temos os medios "regionales" mercados ata a médula- que está á espera da pasta da UE, non deixa aos Concellos gastar nin en competencias que son deles, e para maior risa de todos nós, os recursos de atención primaria, ou pechados, ou cada vez con menos dotación. Votamos esto, Galicia, Galicia, Galicia.

Entón dixo o PP local, "aquí pódesenos ir moito voto, non para que vaia ao Bloque, non, para que fique na casa nunhas municipais. E que non me insulten!”.

Dicía Luis Aragunde no último pleno do Concello de Cambados "...é que me están pedindo dende o móbil que deamos unha solución conxunta" con-Xunta de Galicia non pedía. Pedía reunirmos todos e falar falar... enmerdar, por que son os mesmos que protestan pola suba de impostos, mentras desaparecen os servizos de atención primaria, pero se hai que lavar a cara nunha mani, vaise. Son os mesmos que queren rebaixar os impostos municipais cando eles nos seus gobernos sucesivos de 28 anos subían todos os anos as tasas municipais para manter "unha enchenta de "petisiones" de votos-postos de traballo. Este goberno actual do que menos se lles pode acusar é de despilfarro. Pero todo vale inda que a verdade mais recente avale o que digo.

O gasto en servizos sociais e de loita do COVID19, tanto en Cambados como outros Concellos de diferentes cores -non Tourís- é importante.

Na rúa Castelao están contentes, os nosos non se "ghastan", nós no cuarto de "salú" e la oposición con eles mesmos.

Vamos Cambados!!!!

MUNDO

A prensa spsñola non adicou un oco ás negociacións entre a UE e os do BREXIT ata hai non dous días. Nos xornais galegos, La voz de Galicia non tiña reporteiro especial en Bruxelas, coa primicia de NADA en primeira páxina este luns. Feijoo dálle para ter un piso alugado na capital europeia. Pero eso no vende. BUENO, foi o primeiro en informar de Nada.

A GÁNDARA DE PEDRA

Centos de hostaleiros viaxaron a Madrid para pedir mais axudas para o sector non lles chegou a forza nos pés para ires até Bruxelas, e Santiago ficáballe ben lonxe tamén... non digo todos, hainos que foron a todos os sitios por que o sector depende de todas as administracións. Han ser coma Tourís cando o Bipartito asaltando o Parlamento. Logo non fixo falla.


ISTMO-LOCAL

A  Cambados venid, -non podes-, ao Salnés a mercar-tampouco-, que los Amazon prime se lo están comiendo...

SPORTMAN

Coidadiño coa primeira muller vacinada en Galiza. Presumeu de forza de sacho, o que os comunistillas interpretaron como de esquerdas. Non digades tal, que se non a dereita non se vacina... vai ser eso....

BREVES

1-Balboas está farto de tanta casiña, de tanto río, de que A Torre sexa protagonista en Fefiñáns. O PP só está farto. Ídelle "joder a cabesa a Balboas" Haiche moita" bogha".

2-Contaba xurroque que todo se solucionaba con "vivaspaña" agora faino VOX e moitos en Internet.

3 -de súpeto en Cambados haiche moitos sínicos

19 de dec. de 2020

Nace un novo podcast na comarca

Nace Peche Perimetral, un podcast de humor formado por catro rapaces de Cambados e un da Arousa. O podcast é de humor e está formado por seccións de actualidade e contos, deportes, cultura, corresponsalía en Ultramar e música.

Aquí vos deixamos o primeiro.


16 de dec. de 2020

A FOLLIÑA DO LUNS, que sae a cuarta feira. Por Xan Galbán Galiñanes

 


EDITORIAL. SÓCRATES E O FUTBOL

Soccer. Así tentan que lle chamemos ao fútbol os gobernados polo imperio estadounidense. Si, para quen só  se informen por medios do outro lado do charco  en inglés, sempre lle chaman soccer ao "balompié" e futbol ao que nós coñecemos como "rugbi americano". Sonche así, non só tentan controlar o mundo economicamente senón culturalmente. Pero se a lingua internacional é o inglés por obra e gracia dos estadounidenses, non menos certo aseverar que os ingleses, amais de inventores do xogo, son os que ao fútbol lle chamanron fútbol e ao rugby cando nese mesmo deporte tiña mais importancia a forza física e as mans. A nós chegounos por Vilagarcía coa Armada inglesa xunto cos barcos transportando madeira para as minas de Huelva. Fomos primeirizos.

Fíxose popular rapidamente e conquistou o mundo enteiro. Case a India e en Cuba non calou.

Chegou o mundial 79 e o do 82, un adolescente cambadés desexoso por entender o seu mundo, non só ao redor senón o que chegaba pola tele cos seus dous únicos canais, que practicaba o xogo e disfrutaba del, máis como outro xogo a maiores, decátase que o seu avó materno recolle nunha libreta mercada de seu para as ocasións dos mundiais,recollendo todos os resultados dos enfrentamentos todos os campos e cidades onde se disputaban os encontros e falando co neto de como este ou aquel xogador  este ou aquel equipo eran xeniais  gozando dun deporte que, co tempo, decateime do grandioso e épico que resulta. Apoiabamos a España e salvoume que neses intres, na Argentina do 79 non chegou a pasar a criba e no de España,no seu mundial, foi todo un fracaso. A obxectividade por parte do meu avó Manuel, reforzábase."Safín "

Xogaba nos Salesianos, vía os partidos de fútbol  do Cambados cando pola mañá en Domingo ,o campo da Merced ficaba antes ca Igrexa de Fefiñáns vindo da Cabana. -"Que dixo o Cura?" preguntaba miña nai para asegurarse que debería gañar o ceo de Deus, -"O de sempre" contestaba logo dun interrogatorio estrito a rabiar. Os xogadores eran o meu.

Chegou o verán do mundial do 82. Todo un ano antes con "Naranjito" Chicha "A Naranja" vendendo na tenda do barrio nikes co naranjito a chou. As vendas de teles a cor disparábanse no centro da Vila e o meu avó Manuel preparado coa libreta deseñada por el  na mesa do comedor da casa da praia, un verán de moito calor e a tele en blanco e negro centrando toda a atención de calquera cotidianidade da vida.


Todo, todo era futbol. O mundo ollábase baixo o prisma da bola. Arxentina viña de ser o campión mundial. Inda se escoitaban os berros de trunfo na capital bonaerense para calar os desgarrados  sufrimentos dos carcelados políticos da ditadura  tan preto  do Estadio onde se disputaba a final.

Pero este era o de España. Saídos paseniñamente dunha ditadura de cuarenta anos , disputado nunha democracia recén estreada, cun golpe militar, non mais de ano e medio antes e cos equipos mais fortes dos campionatos europeios. Pronto acabou a ínfula patria no terreo de xogo e centrámonos o avó mais eu no fútbol .

Daquela, o Brasil, xogaba coma os deuses. Non importaba a defensa. En momentos, os xogadores cariocas  podían marcar gol. Arrasaban. Era un luxo para os sentidos. Entre todos eles, destacaba para min Sócrates. Que pases, que conxugación de equipo estelar, que remontadas, pero especialmente, que pases de tacón do elexido por Zeus para o olimpo dos inmortais.

Sócrates, espigado, barbudo coma o seu pai Zeus, non era deste mundo. Pero sí. Non xogaba nos campos Elíseos senón no céspede coidado por traballadores. O balón feito por mans obreiras. Médico de profesión, fillo dun funcionario ao que lle gustaba a literatura, a filosofía, inculcoulle ao vástago o amor polo saber, polo interese do mais próximo para entender o global. Sócrates levou ata a morte  tanto no campo coma na vida, non esquencer as orixes, o seu Corthinhan brasileiro, e loitar contra a ditadura do seu país. Non trunfou en Europa, pero a pesar do seu tabaquismo, dos derradeiros anos de alcohol, nunca deixou de loitar polo común, de podendo calar, falou. A miña xeración destacouno.

Logo veu Maradona. Estou coa xogadora galega. Pero Zeus é imprevisible e ti decides.

Eu do Celta e do Xuven

MUNDO

O do eurodeputado húngaro trae... cola, diría Matías Prata. Acaban de aprobar no país  germánico, que un home é un home, unha muller é unha muller unha familia está composta só por estos, que un gato é un gato, un bicho é un bicho, e todos somos esgharrapichos. Eles máis ca ninguén.

SALNESIANOS

Feijoo acaba de "nombrar" coma máximo xefazo do Porto de Vilagarcía ao cambadés Cores Tourís, o exalcalde de Cambados que durante os seus mandatos nunca mirou coma prioritario polo Porto de Tragove e os seus servizos. Tan mal non lle queremos aos ingleses.

A GÁNDARA DE PEDRA

El Rei demérito segue a promocionar a República. O que debería ser transversal, a defensa do público, dividese entre promonárquicos só da dereita e prorepublicanos de esquerda. Así nunca imos avanzar.

BREVES

1-Javier Olleros, o meco, primeiro cociñeiro galego en obter dúas estrelas michelín. Parabéns dun cambadés. Nós os cambadeses tivemos unha estrela antes ca eles.... a ver si... Parabéns a Yayo por mantela.

2-Telecinco informa do terrible que é saír da casa para ir á praza e xa che oKuparon a casa. Logo nas noticias da tarde véndenche unha compañía do sector de seguridade. Ríete de Gran hermano.

3-O sínico vive en Hungría

2 de dec. de 2020

A FOLLIÑA DO LUNS, que sae a cuarta feira. Por Xan Galbán Galiñanes

 

EDITORIAL. A IMPOTENCIA DA DEREITA CAMBADESA.

Hai datos non inventados por mín, das Universidades europeias, que afirman esencialmente dous datos, o primeiro é que hai dous países que contan entre os seus cidadáns con maior aprobación  dos postulados da "esquerda", Alemaña e España.

Na contra, os países con grande fervor polos postulados da dereita son Polonia e claramente Hungría.

Na nosa contorna, no Salnés, temos Concellos que á primeira de cambio, rapidamente tornan a maiorías dunha tendencia ou outra. Así O Grove, Vilagarcía e fundamentalmente A Illa de  Arousa que sostén con orgullo ser o único Concello de Galiza onde nunca gobernou o PP. Basta, entre estes votantes dun lado ou doutro, que o vento  sexa favorable para ser maioritarios nas súas circunscricións.

En Cambados, o conservadurismo sempre foi maioritario. Non ten dúbida. Xoán Antonio Pillado arrasaba nas municipais, para logo nas demais convocatorias do seu mandato, gañara con claridade os postulados de Fraga e Hernández Mancha .

Mais tamén éche ben certo que, Cambados, cando as crises de Estado son suficientemente significativas, no ano 79 e no 2015, muda por opcións progresistas como castigo aos señores da dereita, non tanto por convicción ideolóxica coma por que os enganos non van durar sempre.

Así temos unha praia mariña no centro da Vila, cando a Xunta, a única que podería apoiar tal infraestructura  nin se lle pasou polo maxín, tendo a tres quilómetros as mellores praias do país. Tampouco se lle ocurreu aos da Rua do Hórreo, organizar un transporte público a estos lugares tan importantes para Cambados.

Temos unha forma de goberno que esperaba, e só esperaba, a que a Xunta organizara os presupostos, esperar sendo un goberno amigo que caíra o maná, e gañar algo. A guardería municipal é un claro exemplo do que asevero.

Pero non é o mesmo Pillado Montero, "el que pasaba por ahí" Tirado, o que mais traballou, Tourís, o conqueridor tamén para mín, e Luis Aragunde, o que mais votos e diferenza sacou cos contrarios pero tamén o que perdeu a Alcaldía. Por algo lle quedou SI, si, Emperatriz.

Luis comeuse anos de mentiras e promesas incumplidas, as doutros e as súas propias. Aumentou as xa existentes e uneu á esquerda del, a toda ela, cunha estatua a Fraga.

Luis éche o paradigma da dereita cambadesa, "pobre...", que, opóndose ás leis progresistas do Estado, deixaba facer, si, si, pero sei de boa tinta que non se atreveu a casar a unha parella de lesbianas, por que tiña que coidar á parroquia electoral dos Jose Pepes, vivía en pecado orixinal sen pasar pola man de Aldao, pero non perde procesións, e para paliar tal contradición pon de número dous a unha verdadeira relixiosa que non pasea por Castrelo.

Con esto, chegamos ao que me provocou esta editorial, a impotencia da dereita. Pese a todo, o goberno do Concello está a traballar, baixo mínimos, pero traballando. O exemplo mais claro é a praza de Fefiñáns. Aproveitando o taller de oficios ,fixeron un espazo público que a dereita tiña infrautilizada. Só como aparcadoiro. Construiron un lugar para recreo dos nenos, para recreación visual do personal, que está a traer público ao centro da vila en plena pandemia para oportunidade do comercio local. Todo nun.

Cal foi a reacción da dereita frustrada? "está todo sucio". Sucio era o de antes.


SPORTMAN.

Despois de tocarlle ao Ribadumia un partido de fútbol de primeira división, resulta que a luz do "Estadio" non é suficiente para unha retransmisión deportiva de primeiro nivel. Doulles unha solución para alegría do seu máximo expoñente político, cambien o céspede por un céspede artificial fosfórico con luces Led na raíz. Parecerá ata un xogo da "gameboy". Sería brutal.

Que o céspede artificial no ten raíces? Pois que penduren nun alto ao e ex-presidente da Deputación, iluminado e iluminandoo todo

MUNDO

Identifican nunha orxía a un eurodeputado húngaro da extrema dereita. A "Dios rogando  y con el órgano sexuarrr, dando". En Cambados esto non pasaría. Non hai eurodeputados.

A GÂNDARA DE PEDRA.

Non hai acordo político entre o PP e PSOE para renovar o Tribunal do poder xudicial. Que vai haber, coa de procesos abertos que teñen os conservadores. Estos coma Trump, antes de renunciar deixa todo ben pechado por riba. Nunca se sabe, os xuices son independentes,s ó dependen do lexislativo.

BREVES.

1-Hai pouco unha destacada militante do PP cambadés espetou con orgullo "pues que sepáis que Luis, nos dejó votar libremente al candidato a presidir el PP nacional". Así enténdese todo

2-Confirmado, todos en Solpor de Cambados utilizan perfís falsos por que así homenaxean aos xuizados no caso hollywoodiense das "Caza de bruxas" dos anos 40 do século pasado. Quen sabe si hai entre eles un Humpery Bogart. O que se "pierden", o que perdemos.

3- En Cambados non hai sínicos, nin eurodeputados.

26 de nov. de 2020

A XUNTA REBAIXA IMPOSTOS A CASINOS, BINGOS E CASAS DE APOSTAS MENTRES CONDENA Á HOSTELERÍA A UN PECHE INDEFINIDO

  • A Xunta perdoa entre o 20% e o 30 % do que debera pagar o sector do xogo en 2020 e rebáixalle os impostos durante 2021.

 

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou hai 3 semanas o congreso da patronal do xogo cun discurso no que felicitaba a este sector por ser responsable coa Covid e xerar riqueza.

 

  • Pío Cabanillas (ex ministro de Aznar), Rafael Catalá (ex ministro de Rajoy), Alberto Núñez Feijóo (presidente da Xunta), Alfonso Fernández Mañueco (presidente da Junta de Castilla y León) e Andrés Ayala (deputado no Congreso durante 16 anos e ex consejero do Goberno autonómico murciano) son as principais conexións do PP cos grandes empresarios do xogo.


A Lei de acompañamento dos presupostos para 2021 da Xunta xustifica a rebaixa de impostos ao xogo nos casinos, bingos e casas de apostas pola necesidade de establecer un beneficio fiscal que axude a este sector a paliar os efectos que tivo no ano 2020 a pandemia. Esta rebaixa de impostos para o sector do xogo chega despois de que  Feijoo facilitara a actividade nestes locais durante a pandemia cunhas restricións moito máis leves que as aplicadas á hostalaría co argumento de que neses establecementos a xente non “interactúa” como nos bares.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou o 29 de outubro en Santiago, hai menos dun mes, un encontro coa patronal do sector do xogo baixo o título “Vuelve el juego” cun discurso no que eloxiou ao sector por xerar riqueza e pola responsabilidade demostrada “polo voso cumprimento das medidas ante a pandemia, sen que se dese un só contaxio nos locais de xogo“. Nese mesmo evento comprometeuse a reflexionar sobre “todo o que ten que ver coa fiscalidade” do sector porque “é moi difícil esixir que se tribute por ganancias cando non se están tendo”.

Durante a pandemia, a regulamentación deste sector estivo no centro da polémica, xa que a Xunta permitiu que casinos, bingos e demais espazos de apostas gozaran dun horario de peche máis amplo que os bares, o que facilitaba que a clientela da hostalaría puidese continuar consumindo en espazos de xogo ata as 4 da madrugada.

Esta boa relación do PP cos grandes empresarios do xogo non é nova. Segundo unha reportaxe do dixital Huffington Post, publicado a finais do pasado mes de setembro, Pío Cabanillas (ex-ministro de Aznar), Rafael Catalá (ex-ministro de Rajoy), Alberto Núñez Feijóo (presidente da Xunta), Alfonso Fernández Mañueco (presidente da Junta de Castilla y León) e Andrés Ayala (deputado no Congreso durante 16 anos e ex-consejero do Goberno autonómico murciano) son as principais conexións do PP cos grandes empresarios do xogo.

Por citar só un exemplo, o ex-ministro de Aznar, Pío Cabanillas, foi nomeado conselleiro de Codere, obtendo importantes contratos desta operadora para a súa empresa particular. En só dous anos, e sen contar a súa retribución anual como directivo, facturou 708.000 euros a Codere por servizos de “asesoría institucional, comunicación, marketing y otros”. Hai uns días ElDiario.es informaba que Codere mantivo a remuneración de todos os seus conselleiros, incluído Pío cabanillas, que percibiu só entre xaneiro e setembro deste ano 150.000 €.

Desde que o goberno de Rajoy aprobara en 2011 a Ley de Ordenación del Juego este sector non fixo máis que medrar, intensificándose as relacións entre o PP e as grandes empresas do xogo. Desde ese ano a propagación das casas de apostas foi exponencial, cunha incidencia maior nos barrios máis pobres das cidades. Así, no distrito de Puente de Vallecas (Madrid) xúntanse 10 locais de apostas en apenas 250 metros.

Por desgracia xa son moitas as familias que coñecen os efectos das casas de apostas. O que en principio parecía un mal dos barrios obreiros das grandes cidades, estase estendendo con rapidez por vilas e pobos de calquera tamaño e condición ata converterse na chamada “heroína do século XXI”.

O presidente da Asociación de Vecinos de Tetuán y Cuatro Caminos de Madrid, Antonio Ortiz explica a orixe deste problema: “Neste mesmo barrio, nos anos oitenta, vimos unha xeración destruída pola heroína, que ao principio se pensaban que era como tomar “cubalibres” e logo resultou devastadora. Vimos mortos, vimos afectados de por vida, vimos máis delincuencia. Agora estamos vendo algo parecido, as apostas son a heroína do século XXI, é menos evidente á vista pero tamén cremos que pode ser moi prexudicial. Non queremos que isto se repita”. Alí esta situación xa é unha realidade palpable.

Pero ante esta realidade, cal é a resposta que nos atopamos por parte do partido que goberna aos galegos e galegas? O PP é parte do gran negocio que se está a erixir da man das casas de apostas, e así ex-ministros dos gobernos de Aznar ou de  Rajoy utilizaron a porta xiratoria para situarse nos consellos de administración de grandes empresas do sector. A conivencia da Xunta co sector do xogo queda clara nesta publicación.

Seguro que é o tratamento que queremos os galegos e galegas para un sector que pode traer ás nosas vilas e barrios problemas moi similares aso vividos na década dos 80?

Esta publicación foi elaborada coas seguintes informacións:

https://praza.gal/economia/a-xunta-rebaixa-impostos-ao-xogo-en-casinos-bingos-e-maquinas-para-paliar-os-efectos-da-covid?fbclid=IwAR1gntllHtxfKp0NXEc6hpGYIqMHn-yEVLdbGYJ2M94KtNFqgHBqL5rtM2o

https://www.huffingtonpost.es/entry/empresarios-del-juego-y-politicos-del-pp-una-relacion-mas-alla-del-azar_es_5f68b5e5c5b6b9795b144777?fbclid=IwAR3feLJO4UDKOxqHTfRe6UNhWouMqlFJ5Tx5O7PZezddt8FAQcB_gx4hLFY

https://www.xataka.com/especiales/apuestas-heroina-siglo-xii-asi-como-apuestas-online-han-conquistado-espana?fbclid=IwAR0-i90pYtCJV9OEv9gMbonXhsyy40UkYPKcYxKsI1KA0nFUFfpNGo6nGFQ

18 de nov. de 2020

A FOLLIÑA DO LUNS, que sae a cuarta feira. Por Xan Galbán Galiñanes

 

EDITORIAL. A CHORAR A KANSAS OU A CANGAS?

Pois si, a relación entre Cambados e EEUU parece pasmosa. Así, o Trump perde en votos populares coma Luis. O voto das parroquias é evidentemente conservador, coma o medio-oeste da América, mentras que no casco urbano da Vila gaña con maioría absolutísima os partidos de "esquerda". Os Estados dos lagos, os mais industrializados deciden ao final, quen é o victorioso, coma nós en Vilariño. Teñen rañaceos coma o noso "Saraghosano", illas coma Manthattan, nós as ghoritas, barrios chamados "A chinatown", nós Santomé, a cidade de San Francisco que non é mais que unha imitación burda  de Corvillón, coas costas arriba e abaixo, e o mar bravo do río da Ucha.

Pero onde mais parello se fai o mimetismo é na City Hall, na casa consistorial e os seus habitantes  provisionais. Así temos ao noso Jimy Carter que, en vez de vender “cacaghuetes" adícase a vender viño podendo chegar algún día a ser alcalde. Temos aos de Somos Cambados que, coma Biden, dou por suposto o seu goberno e conqueriuno. Temos ao portavoz do BNG Victor, entendendo se é Victor ou Victoria quedándose co primeiro. Está o angloparlante Tino, representante de New Jersey, aspirante a “Senator”, e a Luis Aragunde, o mais americano. Digo ben, o americano, por que é o que lle gusta, o imperio. Senón diría Estadounidense.

Así temos a unha voz en Cambados que avoga por que a maioría mais votada goberne frente a unha maioría de votos, de sufraxios. Temos a un portavoz municipal conservador que defende gañar as eleccións con votos que o insulta, que o menospreza e deféndeos como válidos, coma Trump. É o defensor da hostaleira cambadesa cando as competencias son da Xunta, da súa Xunta de Feijoo, sabendo que antes, co confinamento total, pertenceron a Sanchez e eles, os populares, quixeron que se lles pasaran ás comunidades autónomas.

Aí está a manifestación frente ao Concello, a maior fakenews, dos hostaleiros, con cacerolada incluída, cando o máximo que pode facer o goberno de Cambados é apoialos económicamente, como xa o fan. Xa quixeran outros sectores afectados ter as axudas que ten a hostalería. Cambados somos todos.

Que vaian ás consellerías compostelanas de San Caetano e, coma os bateeiros hai anos, tiren coa cancela, e marchando lle digan aos policías “...e coidadiño, que somos dos vosos”.

Trumpismo. Así que este ano deberemos celebrar  o día de acción de gracias, que xa é a única que nos falta por celebrar.


MUNDO.

Suiza pertence a esos países que ademais de El Rei emérito levando cartos, nunca invadiu ningún país -pa que- e que ten a orgullo a pertenza de catro idiomas, francés, alemán, romanche e italiano. Non creades Spañoles que este plurilinguismo existe en continuo conflicto, non. En cada territorio, que non Cantón, só se educa no monolingüísmo saíndo da escola básica con diferentes graos dos demais idiomas da nación. Non hai independentismo. Tampouco tería cabida un político coma Alfonso Guerra, nin partidos coma Ciudadanos.

SPORTMAN

Xa temos un partido de fútbol de primeira división, Ribadumia-Cadiz, na Copa de El Rey. Será que a cidade dormitorio de Cambados ten sorte. Sempre fun mais do Barrantes.

En todo caso, sorte!

A GÁNDARA DE PEDRA.

Bildu apoia os presupostos do goberno de Spaña. Escándalo Esos mesmos escandalizados non abren a boca cando están sostidos en gobernos autonómicos por un partido que dixo "El gobierno de Sanchez es el peor de los últimos 70 años". Os mortos da Dictadura deben ser menos mortos. Sempre houbo clases.

ISTMO-LOCAL.

Cada vez que ultimamente hai unha manifestación en Cambados, cando antes eran contadas e espaciadas, sempre aparece de protagonista o Bloque. Se non as fai ,manda recado.

BREVES

1-Portugal afea a Sánchez e aposta pola liña férrea Porto-A Coruña. Non creades que son pro galaicos, simplemente saben o importante que sería para eles afortalar o aeroporto desa cidade, amais das mercadorías. En Galiza, estamos a nos esnaquizar co localismo Vigo-A Coruña, pero sempre teremos a un presidente que fala de Galicia, Galicia, Galicia. Inacción.

2-Interceptada unha patera chea de madrileños á altura de Sálvora. Despois de seren atendidos por Salvamento marítimo informóuselles que ata a ponte da constitusión non poderían atracar, xa que logo Feijoo pideu a independencia.

3-En Cambados, a falta dun, hai dous sínicos


8 de nov. de 2020

Volta ciclista a Cambados en pleno Albariño

Deixamos aquí un vídeo que está circulando polo Whatsapp. Trátase de parte dun programa da TVG na festa do Albariño coincidindo coa Volta Ciclista a Cambados, algo que sería impensable a día de hoxe. O protagonista principal do vídeo é Willy, mítico policía local de Cambados e coñecido na Vila por como dirixía o tráfico, daba paso aos coches ata de tacón.

Alguén sabería situar o ano exacto no que está grabado?